E-distrito

Noticias

A guerra na Ucraína tamén bloquea o gran celeiro de pensos da gandaría galega e reabre o debate da soberanía alimentaria

A guerra na Ucraína tamén bloquea o gran celeiro de pensos da gandaría galega e reabre o debate da soberanía alimentaria

  Ucraína é o principal celeiro de Galicia para o millo necesario na elaboración de penso. O goberno de España facilita agora a compra en Arxentina.

  16 marzo 2022

  O Goberno de España aprobou este pasado luns facilitar a importación de millo da Arxentina e do Brasil. A resolución supón un alivio para o sector gandeiro galego ante a complexa situación que afronta, afogado pola suba dos custos de produción desde hai meses e agora impactado pola parálise da importación dun cereal que é materia prima básica dos pensos destinados ao gando. 

  Ucraína é o principal celeiro de Galicia para o millo necesario e imprescindible na elaboración dos pensos. Dos 1,1 millóns de toneladas importadas cada ano, o 40% cómprao ao país agora invadido por Rusia, segundo os cálculos da Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos Compuestos (Agafac). 

  Ademais, entre xaneiro e xuño -precisamente nesta altura- o territorio ucraíno é case o único que fornece deste cereal polos ritmos das colleitas. Antes de comezar a guerra, perto de 300.000 toneladas de maínzo cultivado aló entrara nos portos da Coruña e Marín nos dous primeiros meses do ano. 

  UUAA e o SLG cren aberto de novo o debate sobre a "soberanía alimentaria" e ven necesario aumentar a produción de materia prima para alimentar o gando

  Porque o cultivo do millo destinado á elaboración de pensos é "anecdótico" en Galicia, tal e como destaca Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA). España é deficitaria en gran e en Galicia non hai terra dispoñible suficiente nin condicións climáticas axeitadas para a plantación e cultivo de grandes extensións de cereal como as que si hai en Ucraína ou Suramérica. 

  Con todo, García cre que "debe e vai haber un cambio na UE" para abrir outros mercados de millo. E debe tamén, destaca, "haber unha mudanza en Galicia". "Poderíase facer algo nese sentido de cambiarmos o modelo, porque coa base territorial que temos non hai marxe de produción para o penso", explica quen lamenta os "milleiros de hectáreas a barbeito" nun país que "non ten garantida a materia prima para alimentar o gando". "Vai haber un antes e un despois da guerra", insiste o líder de UUAA, que apunta á "soberanía alimentaria e mesmo enerxética", dous debates tantas veces agochados pero que "se van dar".

  "Levamos moito tempo avogando pola soberanía alimentaria, por políticas agrarias que garantan o abastecemento das poboacións con alimentos saudables, pero os gobernos guíanse por máximas neoliberais e polos intereses dos grandes operadores nun mercado global", di Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG). "Nin a Xunta nin o Goberno central apostaron nunca por unha base forte de produción de forraxes propias, contando que eses cereais importados ían estar sempre dispoñibles e nuns limiares de prezos asumibles, cando xa se ve que non é así", engade. 

  A mellor solución -e posición- para os fabricantes de pensos, que supoñen o 11% da industria alimentaria en Galicia, sempre foi a importación de cereais. Nun mercado fortemente globalizado, onde grandes compañías mercan as colleitas de boa parte do mundo que cotizan en bolsas especializadas como a de Chicago. "É tamén economía financeira; xógase coa expectativa, coa produción retida á espera da revalorización do produto... Hai que ter en conta este factor do que pouco se fala", advirte Vilalba. 

  Porque hai xa ano e medio que os prezos dos cereais empezaron a subir. Coa invasión de Ucraína, disparáronse, chegando a tonelada de millo a pasar de 300 a 450 euros. Daquela, en setembro de 2020, Agafac advertía destas fortes subas logo de longo tempo de estabilidade nos mercados e sinalaba, entre outras causas, ás "compras masivas que fondos de investimentos realizaron nas distintas bolsas alimentarias de materias primas estratéxicas como o millo, o trigo ou a soia", elevando así o seu importe a niveis non vistos en moitos anos. 

  Ademais, e ante a revisión á baixa que houbera das existencias mundiais e o déficit que en cereais para alimentación animal ten España -que importa sobre a metade da maioría das materias primas-, moitos agricultores retiveron a súa mercadoría. Daquela tormenta perfecta, unha suba de precios agora maior, acompañada da parálise da importación de Ucraína, o terceriro produtor mundial de millo. 

  No caso de Galicia, un golpe directo para milleiros de explotacións e as súas vacas -e en menor medida outros animais-, principales consumidoras deses pensos producidos con millo ucraíno. Nun sector onde o 60% dos custos de produción derívanse da alimentación animal, en prezos agora disparados.

  Agora, a alternativa está  na resolución que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este luns pola que se flexibilizan temporalmente os requisitos fitosanitarios específicos para a importación de maínzo da Arxentina e do Brasil e que facilitará a compra de materias primas destinadas á alimentación animal que palíen a paralización das importacións de Ucraína. 

  A medida, segundo o Goberno central, permitirá ao sector importador poder comprar millo para penso nos principais países produtores do mundo e, con iso, garantir a ligazón na subministración do sector gandeiro.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados