En 2018 Feijóo rexeitou competir pola sucesión dun Mariano Rajoy apartado por unha moción de censura baseada na condena do PP por corrupción no caso Gürtel. Agora foi a acusación da dirección do PP presidido por Pablo Casado de que a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso beneficiou o seu irmán con contratos públicos a que abriu unha nova ventá de oportunidade. E Feijóo agora si quere aproveitala.
Será no congreso extraordinario que o PP vén de fixar para os próximos 1 e 2 de abril en Sevilla cando presumiblemente asumirá a presidencia do partido. Pero mentres as datas internas do PP comezan a aclararse, a indefinición sobre o futuro do Goberno galego que propiciou Feijóo cos seus movementos das últimas semanas segue no aire. Unha hipoteca sobre a estabilidade da Xunta que se prolongará aínda varias semanas, xa que no PP galego non se contempla que Feijóo deixe a residencia oficial de Monte Pío mentres non teña na man oficialmente o despacho da madrileña rúa Génova.