E-distrito

Noticias

Feijóo pide á dirección do PP que "non provoque ningún incendio" no partido

Feijóo pide á dirección do PP que "non provoque ningún incendio" no partido

Ante as acusacións de guerra sucia de Ayuso a Casado e corrupción de Casado a Ayuso, dise máis preocupado pola división interna que pola actuación da propia Ayuso

  18 febreiro 2022

  “Se hai problemas débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, cando foi preguntado pola nova guerra interna que vén de desatarse no seu partido a nivel estatal nas últimas horas, con acusacións cruzadas de corrupción ou de guerra sucia entre a dirección de Pablo Casado e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Feijóo tentou situarse nunha postura propia, pero deixando claro que está máis preocupado pola división interna da súa formación que podería estar a provocar a dirección estatal que pola actuación de Ayuso.

  A orixe do novo conflito no PP estatal estaría na adxudicación por parte da Comunidad de Madrid de 1,5 millóns de euros a dedo a un empresario amigo do irmán de Ayuso, contrato desvelado o pasado novembro por eldiario.es. Na noite deste mércores elconfidencial.com publicou que persoas próximas á dirección estatal do PP contactaron con detectives para investigar a operación, na que supostamente o irmán de Ayuso cobrou unha comisión. Apenas media hora máis tarde o partido desmentíao oficialmente, o que contribuía a darlle máis visibilidade a unha cuestión que este xoves abriu as portadas dos principais xornais estatais.

  No mediodía deste xoves o que era un cruce de versións citando fontes anónimas estourou por completo ao convocar Ayuso unha rolda de prensa sen preguntas para acusar á dirección estatal do PP de atacala cunha guerra sucia. Quen fora designada candidata do PP en Madrid polo propio Casado, propiciando así o seu ascenso na política estatal, acusa agora ao seu antigo amigo de querer destruíla e asegura que a relación do seu irmán coa empresa adxudicataria da comunidade é legal. 

  Neste contexto, Feijóo pediu este xoves “explicacións claras e contundentes dada a gravidade da información que coñecemos”. Pero esa petición de explicacións oriéntaa o presidente máis cara á actuación da dirección do partido que a de Ayuso.

  Feijóo lembra que os contratos das administracións son públicos e di que “se hai algunha dúbida sobre alguén pódese resolver acreditando información e transparencia”. “Non teño especial preocupación con iso”, di. “Si teño unha certa preocupación coa situación orgánica que está vivindo o partido en Madrid”, engadiu xusto a continuación. 

  “Se hai alguén que mandou investigar [a Ayuso], deberá explicar por que e deberá asumir as súas responsabilidades”, di Feijóo

  “Non parece verosímil investigar algo cando está publicado no portal da comunidade autónoma, que son os contratos adxudicados”, exemplificou noutro momento da súa intervención. “Se é así, se se contratou a alguén, paréceme inaudito, e tamén imperdoable que esteamos perdendo o tempo nisto, creo que non procede contratar ningún investigador privado para investigar a ningún compañeiro”, sentenciou.

  Preguntado expresamente sobre se vería normal que a dirección do partido encargase investigar a Ayuso, o presidente foi claro: “Non, non o vexo normal”. “Se hai alguén que mandou investigar, deberá explicar por que e deberá asumir as súas responsabilidades”, engadiu.

  "Non imos perder moito tempo nun problema orgánico dun partido, non é xusto nin para os afiliados, nin para os votantes, nin para España”, incidiu o presidente galego, quen a continuación engadiu que “se hai problemas, débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio”.

  Unhas palabras do presidente que foron seguidas pouco despois por unha comparecencia polo número 2 do PP estatal, Teodoro García Egea, que reivindicou o seu cargo e a súa responsabilidade de "asegurar que esta organización está libre de toda sospeita e que os cargos do partido están comprometidos coa exemplaridade e a transparencia". García Egea acusou a Ayuso, á que o partido vén de abrir un expediente, de acusacións moi graves, "casi delictivas", contra Casado e todo o PP.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados