E-distrito

Noticias

O mellor mural do mundo está en Lugo

O mellor mural do mundo está en Lugo

  O mural de Xulio César, obra do lucense Diego AS, é elixido mellor obra de arte urbana do mundo en 2021 pola plataforma Street Art Cities.

  15 febreiro 2022

  A plataforma Street Art Cities, a maior comunidade de arte urbana do planeta, vén de presentar o artista lucense Diego AS (Anido Seijas) como gañador do premio "Best of 2021", un galardón que elixe, a través do voto popular de xente de todo o globo, o mellor mural do ano.

  "A espera terminou! Diego AS fíxose co posto número un do noso "Best of 2021" co seu maxestoso mural de Xulio César en Lugo. Parabéns, amigo, e grazas a todas as persoas votantes", sinalou a plataforma a través dun comunicado emitido esta segunda feira.

  Aliás, Street Art Cities salienta a repercusión que tivo este ano o certame, con "máis de 60.000 votos" emitidos en todo o mundo e cunha "gran presenza" nos medios de comunicación.

  "Isto non é un concurso, senón unha promoción mundial da arte urbana e un tributo a todas as e os artistas que están a rachar fronteiras, coloreando as rúas, contando historias", engade a entidade.

  Nunha recente entrevista, Diego AS apuntaba: "A nomeación é moi ilusionante e alégrome non só por min, senón tamén pola presenza que lle pode dar a Lugo e a toda a comunidade de artistas que traballa na cidade".

  "Eu xa tiña fichada esa fachada desde había tempo, pero só con ese novo impulso que se lle está dando ao graffiti tiven a oportunidade de intervila. E o tema, ao estar fronte a muralla, viña dado: algo espectacular e atractivo esteticamente que lle fixese unha chiscadela a idea do imperio romano", engadira.

  A obra de Diego AS, un retrato moi detallado de Xulio César, xa fora recoñecida como mellor graffiti do mundo do mes de agosto.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados