E-distrito

Noticias

A rotación de África e os últimos terremotos: “Está a empuxarnos cara ao norte”

A rotación de África e os últimos terremotos: “Está a empuxarnos cara ao norte”

  Os xeólogos descartan riscos ou cambios significativos no desprazamento dos últimos sismos en Galicia cara a zonas marítimas máis ao oeste

  31 xaneiro 2022

  Os terremotos deste xoves, que fixeron tremer a varias localidades galegas, xeraron expectación pola inusual ubicación dos epicentros. Como novidade respecto a anteriores sismos que se deixaron sentir en Galicia, a vertical dos focos desprazouse varios quilómetros ao oeste para situarse sobre o Atlántico. Implica eso algún cambio relevante ou riscos para a poboación? A resposta é negativa, ao menos inicialmente.

  Segundo o doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo Fran Canosa, “que se produzan terremotos no oceáno entra dentro do normal, porque Galicia está moi fracturada tanto a nivel terrestre como mariño”. E engade que son sismos que en ningún caso, polas súas características, producirían un tsunami. Non hai polo tanto unha explicación precisa de por que estes tremores se suceden nun punto determinado, cando as distancias son de apenas unhas decenas de quilómetros: “Hoxe son nun sitio e mañá outro”.

  O que hai que ter claro, recalca Canosa, é que en Galicia sempre houbo terremotos e seguiráos habendo. En canto a recorrencia de sucesos sísmicos das pasadas xornadas, o xeólogo recorda que o territorio galego está moi fracturado, e a maiores, “está sufrindo o efecto da rotación de África”. África estase abrindo polo Mar Vermello, e nesa rotación, está empuxando a España cara ao norte. A súa vez, ese empuxe xera unha enerxía que se ten que liberar dalgunha maneira, e faino en forma de terremotos.

  Crise sísmica puntual ou episodio recorrente?

  “É difícil determinar se os terremotos da pasada xornada van ter recorrencia nos próximos días ou se van ser só unha cuestión puntual”, expón o xeólogo. En principio, ao non producirse nunha zona sismicamente activa, poderían ser sismos que acontecen nun momento determinado. “As zonas que sofren crises sísmicas desestabilízanse, entón un terremoto leva a que se produzan outros”, indica.

  Cando se produce un terremoto, libérase enerxía, e esa enerxía acumúlase noutra fractura que dá lugar a outros terremotos, coñecidos como réplicas. As zonas nas que se producen son algo aleatorias. Agora mesmo, e dende hai máis dun ano, rexístranse pequenas crises sísmicas na costa da mariña lucense, na que os pequenos tremores están sendo frecuentes.

  Non obstante, no triángulo conformado por Becerreá, Triacastela e Sarria, onde se produciu o terremoto máis intenso do que se teña constancia nos últimos anos, “xa hai bastante tempo que non se experimentan grandes tremores”. É dicir, a crise sísmica dos 90 nese sector non significou que os eventos sísmicos se volveran máis recorrentes.

  Percepción dos sismos

  É posible sentir o terremoto máis intenso nunha zona máis afastada do epicentro que noutra máis próxima. “O feito de que a intensidade se poida ver máis marcada nuns puntos que noutros pode ter distintos enfoques”, comenta Canosa. O máis sinxelo é pensar que o lugar no que se sentiu con maior forza teña unhas características que fagan un  efecto rebote.

  Se estamos nunha zona na que as casas están asentadas sobre materiais pouco consolidados, como poden ser as areas ou gravas, o efecto rebote será maior, e por tanto, a percepción do terremoto será máis intensa. En cambio, en outras zonas nas que as construcións están sobre rochas máis sólidas e compactas, a intensidade diminúe. “Os materiais sobre os que están asentados os núcleos de poboación van a ser un condicionante para que os terremotos se poidan sentir máis ou menos”, indica.

  Aínda que no día de onte un dos terremotos alcanzou unha magnitude de 4.6, sendo o máis intenso nos últimos 25 anos, os sismos que hai en Galicia non son tendentes a superar magnitudes de 5. Isto implica que son tremores que non teñen demasiados efectos significativos sobre as construcións do entorno, e que “non supoñen un perigo para a poboación galega”, conclúe Canosa.

  Derivado de "GCiencia"

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados