O prezo dos alugueiros continúa a medrar en Galicia, especialmente nas zonas urbanas. Nas cidades galegas o custo de alugar unha vivenda encareceuse un 3% no último ano, e un 25% dende o ano 2016, chegando xa a unha media de 500 euros nas sete cidades e situándose por riba desa cifra na Coruña, Vigo e Pontevedra, especialmente nos seus barrios máis céntricos. Nos últimos cinco anos o prezo medio pasou de 400 a 499 euros mensuais, unha suba de 100 euros.
Os datos completos do ano 2021, feitos públicos polo Observatorio da Vivenda da Xunta esta semana, coinciden co debate sobre a aprobación da Lei de Vivenda promovida por PSOE e Unidas Podemos, que prevé límites aos grandes propietarios, un control de prezos en zonas tensionadas dependente da acción das comunidades autónomas e un controvertido bono-axuda de 250 euros para os alugueiros da mocidade. Nos últimos días o Consello Xeral do Poder Xudicial uniuse aos obstáculos á norma, que tamén conta coa completa oposición dos grupos de dereita.
No ano 2021 Vigo adiantou á Coruña como a cidade galega máis cara para alugar, cunha media de 537 euros mensuais, segundo os datos do Observatorio procedentes das fianzas depositadas. Pontevedra pasa dos 500 euros por primeira vez e Compostela achégase a esa cifra. Ourense (426 euros de media) e Lugo (409) fican máis lonxe e Ferrol (379) é a única cidade que se mantén por debaixo dos 400 euros, pero tamén experimenta un claro ascenso.
A pandemia non freou o aumento de prezos. Alugar un piso en Vigo, Compostela ou Pontevedra custa hoxe 40 euros máis que en 2019
Así pois, os dous anos de pandemia non supuxeron un freo ao encarecemento da vivenda en Galicia, manténdose no 2020 e 2021 a mesma tendencia de aumento que se viña rexistrando anteriormente. En Vigo ou Compostela, por exemplo, o alugueiro dun piso medio é 40 euros máis caro ao mes do que era en 2019 e en Pontevedra o incremento mesmo foi maior nestes dous anos, uns 45 euros.
Están tamén a aumentar os prezos de venda das vivendas, nun contexto xeral no que o acceso á vivenda é cada vez máis complicada para moitas persoas, mesmo con emprego. Entidades como Cáritas levan anos alertando de que a dificultade para alugar unha vivenda se converteu no principal factor de exclusión social en Galicia, ao tempo que os desafiuzamentos por non poder pagar o alugueiro son cada vez máis frecuentes.
Dos concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes o prezo medio supera xa os 400 euros (ao mesmo nivel que a cidade de Lugo, por exemplo) e mesmo nas vilas entre 5.000 e 20.000 habitantes situouse xa nos 369 euros
Aínda que é nas grandes cidade onde os prezos dos alugueiros están a subir máis, o encarecemento da vivenda afecta a todo tipo de concellos. O prezo medio do alugueiro no conxunto de Galicia supera xa os 450 euros, fronte aos 439 do pasado ano e os 422 do 2019. Nos concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes o prezo medio supera xa os 400 euros (ao mesmo nivel que a cidade de Lugo, por exemplo) e mesmo nas vilas entre 5.000 e 20.000 habitantes situouse xa nos 369 euros. Tan só os concellos máis pequenos, por debaixo de 5.000 habitantes manteñen aínda prezos medios escasamente por riba dos 300 euros, cun aumento máis lento.
A variación media ao longo do ano 2021 foi de algo menos do 3% no conxunto de Galicia, un valor semellante ao das sete cidades e situouse ao redor do 2% nas vilas entre 5.000 e 50.000 habitantes. Nos últimos cinco anos, dende o 2016, o incremento medio no conxunto de Galicia foi do 20,91%. O aumento maior correspondeu ás cidades (24,79%), con subas do 17% nas vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes, do 16% nos concellos entre 5.000 e 20.000 e do 13% nas localidades de menor tamaño.
A maior suba dende o 2016 correspondeu á cidade de Pontevedra, cun encarecemento dos alugueiros do 27%, semellante ao rexistrado en Vigo (26%), na Coruña (25%) e Compostela (24%). Con subas algo menores aparecen Lugo (23%) e Ourense (20%) e só Ferrol presenta un encarecemento inferior ao vinte por cento (18%).
Neste último ano 2021 o aumento de prezos foi superior ao 5% en Ferrol e Lugo e ao 4% en Pontevedra. En Compostela, Vigo e Ourense roldou o 3% e na Coruña, en cambio, os alugueiros mantivéronse estables, cun aumento de só o 0,45%.
O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, cun prezo medio que supera amplamente os 700 euros mensuais (729), cun aumento do 21% dende o 2017
Cómpre lembrar que no plan de vivenda presentado polo PSOE e Unidas Podemos figura a creación da figura de "zonas tensionadas" polo prezo do alugueiros: concellos ou barrios de cidades nos que o encarecemento da vivenda fose especialmente grave nos últimos anos e nos que se poderían aplicar medidas para conter ese aumento.
Poderían pasar a considerarse "zonas tensionadas" aquelas áreas nas que os prezos dos alugueiros medraran en cinco anos 5 puntos por riba do IPC e nas que se teña que dedicar máis dun 30% dos ingresos ao pagamentos dos gastos da vivenda. Entre 2016 e 2021 o IPC medrou ao redor do 10%, polo que practicamente toda Galicia cumpriría esa condición para encaixar nesa figura.
Por suposto, hai zonas máis tensionadas que outras, barrios (especialmente nos centros das cidades) nos que os prezos medraron por riba da media. O Observatorio da Vivenda ofrece a información por distritos das sete cidades galegas dende o ano 2017, polo que se pode analizar a evolución seguida nos últimos catro anos. Determinados barrios da Coruña, sobre todo, e tamén de Vigo aparecen como os máis caros para alugar unha vivenda, aínda que tamén algunhas zonas de Santiago e Pontevedra figuran nos primeiros lugares da lista.
O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, cun prezo medio que supera amplamente os 700 euros mensuais (729), cun aumento do 21% dende o 2017. Os tamén coruñeses 15003 (A Pescadaría) e 15005 (Ensanche e Falperra) superan tamén claramente os 600 euros de media, cun incrementos dende o 2017 que roldan tamén o 19% ou o 20%. O 15006 (Catro Camiños, Gaiteira, Os Castros...), con prezos medios de momento máis reducidos é un dos distritos da Galicia urbana que máis se encareceu nos últimos catro anos, un 27%.
Mentres, en Vigo os distritos 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36203 (O Castro e Gran Vía), 36211 (nas proximidades da Praza da Independencia e da Avenida das Camelias) e 36202 (que abrangue o Casco Vello) tamén roldan os 600 euros de media, con incrementos en catro anos igualmente situados ao redor do 20%.
Pontevedra é a cidade galega na que máis se encareceu o alugueiro dende o 2017. O distrito máis caro é o 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio de 555 euros mensuais. Porén, tamén os céntricos 36003 e 36002 presentan prezos por riba dos 500 euros mensuais, este último cun incremento do 26% dende o 2017.
En Santiago, o Ensanche (15701) ten alugueiros cun importe medio de 548 euros e o 15706 (Conxo, Avenida Barcelona...) tamén supera os 500 euros. En Ourense o distrito 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) sitúase nos 499 euros.
En Lugo o 27001 (no interior da muralla) chega aos 452 euros, co incremento máis importante de toda Galicia, un 29,52% en catro anos. Isto é, no 2017 o alugueiro medio era de 349 euros e na actualidade é máis de cen euros superior (452). Finalmente, en Ferrol os prezos están algo máis contidos e unicamente no 15402 (no barrio da Magdalena) os alugueiros medios chegan aos 420 euros de media, cun aumento do 18% en catro anos.
Derivado de Praza.