O sono é esencial posto que o fin último de durmir é reparar os danos que se acumulan no ADN mentres que estamos espertos
13 decembro 2021
Encántanos esa sensación matutina que nos fai dicir: “Hoxe levanteime coma novo”. Pero non é o habitual. Entre outras cousas porque no noso día a día hai tantas cousas que nos preocupan que, ás veces, cando chega o momento de ir durmir, por moi cansos que esteamos non somos capaces de pegar ollo.
Contamos ovelliñasa, facemos exercicios de respiración e tratamos de poñer a proba calquera consello que nos leve a conciliar o sono. E, deste xeito, espertar con ganas de comer o mundo ou, polo menos, de estar o máis descansados posible para os nosos quefaceres diarios. Imos en busca do anhelado “sono reparador”. E describilo así, como “sono reparador”, non é só unha metáfora.
Se facemos contas, vemos facilmente que pasamos un terzo das nosas vidas durmindo. Por algo será cando o corpo o pide. Con sensacións e avisos, antes ou despois, chega o momento no que se activan sinais para que descansemos.
Durmimos para reparar o ADN das neuronas
A orixe máis íntima dos sinais que inducen ao soño está nas nosas células. Estes sinais actívanse dun modo preciso para reparar os danos que se producen no seu interior, dun modo natural, durante a actividade cotiá.
Os mecanismos moleculares que nos levan ao sono foron desenmascarados nun estudo moi recente en modelos animais, pois o sono é esencial en todos os organismos cun sistema nervioso. E demostrouse que o fin último de durmir é reparar os danos que se acumulan no ADN mentres que estamos espertos. Si, así como soa.
Cando estamos espertos, a presión homeostática que nos induce ao sono, é dicir, o cansazo, acumúlase no corpo. Somos acumuladores de cansazo cando estamos activos e ímonos baleirando cando durmimos. E chegamos a un mínimo de cansazo despois dunha noite completa de bo sono.
A principal causa de aumento da presión homeostática é a acumulación de danos no ADN das neuronas. Durante o funcionamento normal de todas as nosas células prodúcense reaccións cuxos produtos poden danar o ADN e, por tanto, os xenes que nos facer ser como somos.
Todas as células posúen mecanismos moleculares para combater os danos, día e noite. Pero as neuronas son máis susceptibles á acumulación de danos cando estamos espertos, chegando ata niveis perigosos que non nos podemos permitir. A ciencia revelou que o sono recruta os sistemas de reparación de ADN, que o arranxan tan eficientemente que nos levantamos coma novos, e nunca mellor dito. Utilizar, pois, a metáfora “un soño reparador” adquire todo o seu sentido.
PARP1 mándanos durmir
Unha das primeiras moléculas en responder e activar os mecanismos que nos inducen ao sono é a proteína PARP1. A súa misión é de vital importancia: encárgase de marcar os sitios do ADN que se danaron e de recrutar aos sistemas adecuados para que os reparen.
Un resultado interesante foi ver que, se se impide que PARP1 actúe, a sensación de sono desaparece. Pero esta inhibición tamén conleva que non se activen os sistemas de reparación das mutacións no ADN, algo que xa intuirán que non é nada bo.
Cantas horas de sono son necesarias?
Co fin de tratar de pescudar se hai un mínimo de horas de sono que leven ao desexado “sono reparador”, no estudo utilizouse ao peixe cebra, un modelo animal de uso común nos estudos sobre o cerebro e cun sono similar ao dos humanos.
Pois ben, tras analizar a relación entre as horas de sono e a reparación do ADN chegouse á conclusión de que seis horas de sono por noite adoitan ser suficientes para a redución axeitada dos danos no noso ADN.
E se nos imos de festa?
Entre os moitos e moi diferentes mecanismos neuronais que regulan os ciclos de vixilia e sono tamén se atopa a motivación.
A motivación, sen dúbida, modula que sexamos máis propensos a permanecer espertos ou quitarnos do medio e ir durmir se a situación o require. Cando estamos motivados podemos manter un bo rendemento físico e mental, por exemplo escribindo un artigo interesante, lendo un bo libro ou bailando nunha festa divertida. E todo iso moito máis alá dos nosos horarios habituais e ignorando a presión homeostática.
Na natureza, o establecer relacións con outros conxéneres, as oportunidades de apareamento e a presenza de depredadores está claro que xeran respostas motivacionais e modulan os estados de excitación. Hai animais que poden permanecer espertos ou durmidos moito máis do normal, e mesmo manter esperta só a metade do seu cerebro, e un único ollo aberto.
Algo parecido ocorre en humanos cando durmimos nunha cama que non é a nosa durante unha viaxe. É o que se coñece como o efecto da primeira noite. Así pois, resulta máis que interesante coñecer o mellor posible os procesos que modulan a excitación e a súa relación con permanecer espertos ou ir durmir, xa que poden derivar en situacións complicadas, mesmo de conflito.
Polo seu significado e relación, finalicemos co comezo do poema O soño de Jorge Luís Borges:
*Francisco José Esteban Ruiz é profesor titular de Bioloxía Celular da Universidad de Jaén.
Cláusula de divulgación: Francisco José Estaban Ruiz recibe fondos para investigación da Universidad de Jaén (PAIUJA-EI_CTS02_2019), da Junta de Andalucía (BIO-302) e da Fundación Alicia Koplowitz (convocatoria 2021). É asesor científico da asociación Síndrome STXBP1.
Derivado de GCiencia