Advirte que "a alta incidencia por si mesma e as cadeas non controladas de transmisión provocan un goteo continuo de ingresos hospitalarios e de mortes"
09 decembro 2021
O Colexio de Médicos de Ourense pide que nas comidas, ceas e reunións familiares e sociais de Nadal "o número de asistentes sexa o menor posíbel entre non convivientes", á vez que apela á responsabilidade "individual e colectiva" para ter "un inverno mellor que o anterior" pola incidencia da Covid
A entidade explica nun comunicado que "a sexta onda expándese" e pon o foco na cidade de Ourense e na súa contorna: "presentan as taxas de infección e hospitalización máis elevadas da Galiza". "É certo que o alto nivel de vacinación na poboación, está a conseguir reducir en gran medida a gravidade dos casos e a diminuír substancialmente a transmisión do virus", detalla.
O colectivo médico advirte que "a alta incidencia por si mesma e as cadeas non controladas de transmisión provocan un goteo continuo de ingresos hospitalarios e de mortes", que non se poden normalizar, "e a sensación que temos os sanitarios é que se está normalizando", lamenta. O avance da sexta vaga da Covid vén sumar a unha "crecente sobrecarga asistencial desde hai anos, cunha poboación envellecida e con múltiples enfermidades crónicas", que sitúan o sistema sanitario, tanto a Atención Primaria como os hospitais, "nunha situación crítica, con moitos dispositivos e servizos ao límite do colapso". Por todo iso, alertan de novo á poboación sobre esta pandemia que "segue requirindo de todos a mesma responsabilidade individual e colectiva que desde o seu inicio, e a necesidade de seguir cumprindo máis que nunca, as medidas de protección", como o uso de máscara, a distancia e a ventilación.VacinaciónA estas medidas de prevención a entidade colexial engade a vacinación de quen aínda non puxo a primeira dose mais tamén de quen espera a súa de reforzo "Ao que agora debemos engadir a imprescindible vacinación de todos os que aínda non están vacinados ou están pendentes das doses de reforzo. "É imprescindible, si, racional e eticamente obrigatoria, pero non suficiente para controlar a difícil situación na que nos atopamos", destaca.
"Hai un ano, este colexio médico alertou sobre o risco que implicaban as datas que precedían o Nadal e o Nadal mesmo, instando a evitar situacións de alto risco nas reunións familiares e sociais. O noso temor converteuse en realidade nos meses de xaneiro e febreiro de 2021 sumando o maior número de ingresados e falecidos de toda a pandemia", lembra.Novas restricións
O colectivo entende e comparte "a dificultade dos Gobernos para decretar novas restricións", co "mazazo" que iso suporía para a economía dalgúns sectores "xa afectados durante toda a pandemia e o impacto psicolóxico para a poboación".
Con todo, engade, "como sanitarios, temos que esixir a implementación real das medidas xa decretadas -certificado Covid, medidores de CO2- e insistir para que nas comidas, ceas e reunións familiares e sociais, sobre todo en contornas fechadas, o número de asistentes sexa o menor posíbel entre non convivientes", subliñan, para matizar que "circunscribilas á contorna máis íntima é a mellor decisión".
Estender os contactos e ampliar os encontros de amigos, familiares e compañeiros de traballos, di o persoal médico, "xa sabemos xa que consecuencias trae: máis casos, máis ingresos, máis mortes e un sistema sanitario máis colapsado", avisan. Tests diagnósticos
"En todo caso, nas celebracións que realicemos, manteñamos a distancia suficiente entre comensais, máscaras postas o maior tempo posíbel e ventilación cruzada", recomenda o colexio médio de Ourense.
Os test diagnósticos previos a comidas e ceas "non demostraron proporcionar seguridade, provocan unha falsa e negativa confianza e por iso non se aconsellan para esta indicación concreta", alertan polo que inisten en fiar un "inverno mellor" á vacinación universal e á responsabilidade individual.
Derivado de Nós Diario.