Gandeiros en protesta, tractoradas, baixo prezo percibido polo leite nas explotacións, advertencias do "afogamento" do sector e demandas para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. Podería ser hai uns anos, pero volve ser agora, no enésimo episodio dunha crise gandeira sen resolver en Galicia.
Este xoves, ás portas da planta de Lactalis, Unións Agrarias (UUAA) comezou cunha serie de mobilizacións ante a "intolerable actitude das principais industrias lácteas que operan en Galicia" por non cumprir a lei nin trasladar aos produtores "un incremento do prezo do leite que lles permita afrontar a forte suba dos custos de produción que leva meses afogando as granxas".
Ducias de gandeiros e gandeiras (máis de 500 segundo UUAA) sumáronse -xunto á Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) a unha concentración para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que cubra unha suba de custos "sen precedentes" e para protestar por incrementos ofrecidos por empresas como Lactalis, de un euro, que son "ridículos" e mesmo "rozan o insulto".