Nos espazos naturais protexidos pódese facer o que o así se determinase cando se declararon como tales ou nos seus correspondentes instrumentos de planificación, cuxa tramitación e actualización a Xunta vén demorando. Pero agora o Goberno galego, grazas a unha modificación legal que tramitará xunto cos orzamentos, vai poder autorizar usos ou actividades aínda que non estivesen previstas neses documentos. Faino, di, “debido á evolución tecnolóxica ou á implantación de novas estratexias de produción que se pretenden desenvolver nun espazo natural protexido”, que non concreta.
Tamén permitirá que nas zonas de maior valor ecolóxico da Rede Natura poidan instalarse peches e valados opacos e mesmo de formigón se están “debidamente revestidos e pintados”, que xustifica “co fin de compatibilizar a protección da vida silvestre co desenvolvemento das actividades tradicionais no medio rural”.