600 MW deberán estar operativos en oito meses para abaratar a factura da luz.
20 outubro 2021
O Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) realizou nesta terza feira unha poxa de 3.300 megawatts (MW) para a asignación de proxectos de enerxías renovábeis, a segunda desde que Teresa Ribera é ministra. Na anterior, decorrida o pasado xaneiro, Capital Energy fora a gran beneficiada con 620 MW eólicos, seguida da galega Greenalia, con 135 MW.
Esta convocatoria busca, segundo o Goberno estatal, "reducir directamente o prezo da electricidade", e para iso reservou 600 MW coa fin de pór en funcionamento en setembro de 2022, para que isto "teña impacto o antes posíbel" na factura.
Os megawatts restantes teñen como data límite para sumarse á rede eléctrica o vindeiro 30 de xuño de 2024.
Endesa, Greenalia e Iberdrola deciden non concorrer
Con todo, o pulso que manteñen as eléctricas co Goberno estatal, após a aprobación do Real Decreto-lei que recorta os seus beneficios, provocou que algunhas das grandes compañías do sector decidiran non acudir á poxa. É o caso de Acciona, Iberdrola, Enel Green Power —Endesa— e Greenalia.
"Unha vez analizados os termos da poxa, e tendo en conta a incerteza existente e que polo de agora se descoñece cales serán as decisións que adoptarán as Administracións a respecto dos expedientes afectados [pola proximidade das caducidades de acceso e conexión entre decembro e abril de 2022], a compañía entendeu que o máis sensato era non concorrer", apuntaron fontes da enerxética galega.
Desde Endesa aludiron tamén á obriga que impón o decreto ás grandes compañías de poxar parte da súa produción eléctrica entre grandes clientes industriais e comercializadoras independentes. Dado que Endesa "vende máis enerxía da que produce", esta medida supón ter que acudir ao pool —mercado maiorista— para mercar electricidade e poder abastecer a súa carteira de clientes, a maior do Estado.
Iberdrola, pola súa banda, razoou a súa decisión de non acudir na "falta de seguridade xurídica" que, segundo a eléctrica que preside Ignacio Sánchez Galán, "está a limitar e cuestionar os investimentos no Estado español".
Empresas adxudicatarias
Así as cousas, a gran beneficiaria foi, de novo, Capital Energy, con 1.540 MW eólicos e oito solares. A empresa madrileña está a tramitar unha vintena de proxectos na Galiza.
Aliás, a firma aragonesa Forestalia adxudicouse 576 MW de enerxía eólica e 200 MW de fotovoltaica. Repsol, que ficara fóra da anterior poxa ao considerar os prezos "pouco rendíbeis", obtivo nesta terza feira 138 MW eólicos.
Tamén saíu beneficiada Naturgy, con 221 MW de capacidade adxudicada para a xeración de enerxía solar fotovoltaica.
A través deste sistema de poxa, estreado en xaneiro polo actual Executivo de Pedro Sánchez, as empresas beneficiarias participan ofertando o prezo que están dispostas a cobrar pola enerxía que xere a instalación, e o produto poxado adxudícase á oferta de menor contía. O prezo resultante non pode ser obxecto de actualización.
Desta volta, o prezo medio de adxudicación foi de 28,6 euros por megawatt e hora, máis de catro euros por riba do prezo obtido na poxa de xaneiro.
Derivado de Nós Diario