Malia á fin das grandes partidas do AVE, o Ministerio de Transportes e as entidades que dependen del seguen sendo as áreas con maior investimento previsto en Galicia
14 outubro 2021
O Goberno de España prevé inaugurar en decembro deste 2021 o treito que falta da liña de alta velocidade entre Ourense e Madrid. Os sucesivos proxectos de Orzamentos Xerais do Estado reflicten dende hai anos como a conclusión destas grandes obras do AVE implicou a fin das cifras milmillonarias no investimento estatal en Galicia, toda vez que só resta a variante ferroviaria da capital ourensá, que non impide a chegada do tren rápido.
Os Orzamentos estatais superan os 1.000 millóns de investimento previsto en Galicia por primeira vez dende 2016
Así e todo, tras media década por baixo do simbólico limiar dos 1.000 millóns de euros, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 rexistrado este 13 de outubro no Congreso pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, volve superalo por pouco. Son 1.074 millóns de euros os consignados nun proxecto marcado pola inxección de fondos europeos de recuperación tras a COVID,un 29% máis que nas contas públicas de 2021.