O Banco de España sitúa Galicia como unha das autonomías máis afectada pola exclusión financeira e a tres das súas provincias (Ourense, Lugo e A Coruña) como as que xuntan máis poboación con dificultades para acceder a cartos en efectivo e, xa que logo, a oficinas bancarias e caixeiros.
En plena vaga de peches de sucursais e protestas en numerosos municipios, un informe do banco central estatal trata de determinar o grao de vulnerabilidade en España no acceso ao efectivo, cuxa dispoñibilidade axustada á demanda, di, "é un principio básico de garantía de inclusión financeira".
Para identificar aquelas zonas máis vulnerables aos atrancos para o acceso ao efectivo, o informe constrúe un índice que ten en conta catro factores: o número de caixeiros e oficinas bancarias por cada 1.000 habitantes para cada municipio, a distancia a eles, a renda media dispoñible por persoa e a proporción de persoas maiores de 60 anos en cada localidade.