E-distrito

Noticias

Vestas suma a súa fábrica de Viveiro á vaga de peches da industria eólica en Galicia

Vestas suma a súa fábrica de Viveiro á vaga de peches da industria eólica en Galicia

  A multinacional danesa alega razóns de "competitividade" e de integración dos seus negocios de eólica terrestre e mariña para pechar a factoría mariñá.

  22 setembro 2021

  No outono de 2019, a factoría de Vestas (Viveiro) recibiu unha ampla delegación institucional para celebrar o vixésimo aniversario da fábrica de compoñentes eólicos que a multinacional danesa abrira en solo rústico da parroquia de Chavín. Os gobernos galego e español, a Deputación e o Concello acudiron á chamada da empresa para conmemorar as dúas primeiras décadas dunha fábrica que pouco antes deixara atrás de vez os problemas polo seu encaixe urbanístico e cuxos directivos aseguraban ratificar o seu "compromiso con España, Galicia e Viveiro".

  Este 20 de setembro de 2021, apenas dous anos despois daquelas promesas e cando o plantel xa tivo que pasar por diversos axustes, Vestas anunciaba que contra finais de ano vai "cesar a produción" en Viveiro.

  Xunto a este peche na vila mariñá, correrán a mesma sorte outras dúas: en Lauchhammer (Alemaña) e Esbjerg (Dinamarca). Pechan, asegura a empresa nun comunicado, para gañar "competitividade" e acelerar a integración dos seus negocios de eólica terrestre e mariña. Asegura o vicepresidente executivo da compañía, Tommy Rahbek Nielsen, que lles resulta "duro" tomar a decisión.

  Vestas asegura que dará "oportunidades de recolocación" ao persoal da factoría de Viveiro, onde traballan unhas 115 persoas, segundo datos da propia compañía

   Actualmente, segundo datos da propia empresa, na factoría de Vestas en Viveiro traballan "aproximadamente, 115 persoas" que fabrican aeroxeradores para parques eólicos terrestres e paneis de control para eólicas mariñas. Defende a compañía que está a sufrir unha caída da demanda dos aeroxeradores terrestres que fabrica en Viveiro e que, como pretende "optimizar" o negocio de compoñentes de eólica mariña, non ve "sostible" manter a factoría aberta.

  Neste escenario, asegura que "ofrecerá oportunidades de recolocación" ao persoal noutras factorías de Vestas "en España". Ademais, promete que vai "traballar" co Goberno de España, coa Xunta e cos sindicatos para "mitigar os efectos" do peche. Porque "España segue sendo un mercado clave para Vestas", asegura.

   Un peche máis

   Alén dos resultados finais das "negociacións" que a empresa di dispoñerse a iniciar para afrontar o peche, o certo é que Vestas vén estampar o seu nome na sucesión de peches que está a sufrir a industria galega de compoñentes eólicos nos últimos anos. Xusto cando se multiplican os proxectos de instalacións eólicas en diversos puntos de Galicia e mentres tamén colle pulo a eólica mariña. Mostra disto é que só en 2019 foi instalada o dobre de potencia eólica que en toda a década anterior.

   A fin da produción de Vestas en Viveiro chegará menos dun ano despois da fin da fabricación de pas eólicas na factoría de Siemens-Gamesa nas Somozas

  Neste mesmo 2021 foi especialmente relevante o peche da planta de pas eólicas de Siemens-Gamesa nas Somozas, cuns 215 despedimentos e a fin da produción deste compoñente dos aeroxeradores en territorio galego. Antes, a nómina de peches engrosárana outras factorías como Alston en Narón e nas Somozas, LM Composites nas Pontes ou Ventogal, entre outras. 

  Tras o anuncio de peche de Gamesa nas Somozas, o economista e investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC, Pedro Varela Vázquez, coautor xunto a Carmela Sánchez dun relevante estudo sobre o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia, advertía en declaracións a Praza.gal de que na última década, "en Galicia houbo absentismo" para reforzar este tecido produtivo "e nas últimas normativas do sector non hai planificación nin política industrial e iso non axuda". Neste sentido, advertía da "vantaxe" que estaban a coller países como Portugal. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados