Ano e medio despois, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) reactivou este xoves a posibilidade de pedir cita presencial na Atención Primaria, unha opción que fora suspendida pola pandemia e que provocou que os pacientes foran atendidos preferentemente (e moi maioritariamente) de maneira telefónica.
Desde este xoves, a través da web do Sergas, da aplicación ou do teléfono, a cidadanía pode solicitarse unha consulta presencial co médico ou médica de cabeceira, unha opción que antes só era posible solicitando asistencia nos mostradores dos propios centros de saúde, cuxa entrada foi moi restrinxida por mor da COVID.
O obxectivo, como manifestou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é chegar ao 60% de presencialidade a final de ano, unha cifra que agora se atopa roldando o 40%. No entanto, como engadiu, as citas en persoa "non van volver ser do 100% nunca máis", apelando a un sistema mixto --presencial máis telefónico-- que funciona desde 2013 e que non é, en esencia, o problema que denuncian a maioría dos profesionais, que entenden que é priorizar a atención a distancia en lugar de no centro de saúde o que afonda nos problemas do sistema.