E-distrito

Noticias

O prezo de compra dunha vivenda volve dispararse en Galicia; mantense o encarecemento dos alugueiros

O prezo de compra dunha vivenda volve dispararse en Galicia; mantense o encarecemento dos alugueiros

  Mercar unha casa (nova ou segunda man) é hoxe un 3,5% máis caro que hai un ano, despois de que en 2020 as subas se situasen entre o 1,2% e o 1,9%.

  13 setembro 2021

  Os prezos da vivenda, tanto para a súa compra coma para o seu alugueiro, continúan á alza en Galicia. A tendencia mantense dende hai máis cinco anos e nin a pandemia de COVID e a crise económica ligada a ela puideron mudala. Hai uns días era noticia que o IPC está a medrar un 3,5% en Galicia en termos interanuais, unha suba que duplica o incremento medio dos salarios acordado nos convenios colectivos asinados no que levamos de 2021.

  Porén, os prezos de adquisición da vivenda e tamén os alugueiros levan anos subindo a ese ritmo, dificultando o acceso de milleiros de persoas a un aloxamento digno e expulsando a moitas delas de determinados barrios.

  O INE publicou este mércores o índice de prezos da vivenda correspondente ao segundo trimestre, que amosa unha aceleración do incremento do custo de adquisición dun fogar. Mercar unha casa (nova ou de segunda man) é hoxe un 3,5% máis caro que hai un ano, despois de que ao longo do ano 2020 o encarecemento da vivenda amosase unha certa contención, con subas entre o 1,2% e o 1,9%.

 
  Dende o 2015, o custo de adquirir unha vivenda nova aumentou nun 19%, unha de segunda man encareceuse nun 16% e unha nova nun 34,5%

  O aumento, continuo durante os últimos cinco anos e sostido no tempo, obsérvase con máis claridade no indicador do índice de prezos da vivenda, con base no ano 2015. Dende ese 2015, o custo de adquirir unha vivenda nova aumentou nun 19%, unha de segunda man encareceuse nun 16% e unha nova nun 34,5%. 

  Os prezos están aínda por debaixo do nivel acadado durante a burbulla inmobiliaria que estoupou no ano 2008 no caso do índice xeral e da vivenda de segunda man, pero o prezo da vivenda nova xa se atopa no mesmo nivel no que se moveu entre 2008 e 2010.

  O prezo medio dun alugueiro en Galicia sitúase nos 442,6 euros, fronte aos 363,1 que custaba no ano 2015, un aumento do 22% en seis anos

  A suba continuada dos prezos de compra de vivenda acompáñase da tendencia á alza que os alugueiros levan anos amosando, especialmente nas zonas urbanas e que a pandemia non freou, un ascenso que prexudicou especialmente ás xeracións máis novas e, xeral, á poboación con menos recursos.

  Neste ano 2021 o prezo dos alugueiros segue a aumentar no conxunto de Galicia, cun incremento do 0,9% en seis meses (que podería duplicarse ao rematar o ano), por debaixo iso si das subas dos anos 2020 (+3,9%), 2019 (+4,8%), 2018 (+4,6%) e 2017 (+3,3%). O prezo medio dun alugueiro en Galicia sitúase nos 442,6 euros, fronte aos 363,1 que custaba no ano 2015, un aumento do 22% en seis anos, segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Xunta de Galicia.

  Porén, o encarecemento dos alugueiros está a ser moito máis acusado nas cidades, onde neste 2021 o aumento dos prezos continúa, coa única excepción da Coruña. Na cidade herculina, que ata o ano 2020 marcaba o prezo medio dos alugueiros máis elevado, nos seis primeiros meses deste ano 2021 os prezos están a descender lixeiramente (de 530 a 520 euros). Haberá que agardar aos datos do segundo semestre para comprobar se esta tendendia se mantén.

  Pola contra, no resto de urbes o prezo dos alugueiros segue a subir. Vigo convértese na cidade galega máis cara para alugar, cun prezo medio de 528 euros mensuais. Dende o ano 2015, o prezo medio dos alugueiros medrou entre o 21% de Santiago, Ferrol e Ourense e o 28% de Vigo, Pontevedra e A Coruña.

  A mocidade entre 25 e 34 anos debe dedicar de forma íntegra o seu salario bruto de nove anos para mercar unha casa de 200.000 euros

  O elevado prezo dos alugueiros e o mal estado de moitas das vivendas dispoñibles empurra a moitos mozas e mozos a pensar na compra a través dunha hipoteca. Con todo, os altos prezos da vivenda para a súa adquisición, unido ao estancamento dos salarios nos últimos anos teñen como resultado que na actualidade a mocidade entre 25 e 34 anos debe dedicar de forma íntegra o seu salario bruto de nove anos para mercar unha casa de 200.000 euros. De feito, só para a entrada dunha hipoteca, uns 50.000 euros, un mozo ou moza debe dedicar o 50% do seu salario durante cinco anos.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados