E-distrito

Noticias

3.983 empresas galegas tributan en Madrid según o IGE.

3.983 empresas galegas tributan en Madrid según o IGE.

  As consecuencias do efecto sede déixanse notar nas economías das nacións e comunidades. Teñen a súa sede en Madrid o 60% das cen maiores empresas do estado.

  03 setembro 2021

  Un total de 3.983 empresas con actividade en Galicia pagan os seus impostos en Madrid. Segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2019, destas sociedades, un total de 3.323 desenvolven a súa actividade nos servizos, 357 na industria e na enerxía, 266 na construción e 37 na agricultura e na pesca. Porén, a diferenza doutras anualidades, no referido exercicio tense detido a fuga de mercantís á capital do Estado, fundamentalmente en compañías dedicadas aos servizos. Aínda así, a práctica totalidade das principais mercantís manteñen o seu enderezo social e fiscal en Madrid, destacando as sociedades do sector eléctrico e industrial.

  Galicia é chave na operativa económica dos principais operadores enerxéticos do Estado. Iberdrola dispón no país dunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts de orixe hidráulica e de 599,5 de carácter eólico; Naturgy dunha potencia instalada de 1.120 megawatts hidráulicos e de 393,2 megawatts eólicos e Endesa de 375 megawatts hidráulicos e de 262 eólicos. Malia a importancia da Galiza para estas compañías na área da xeración, ningunha delas paga os seus tributos no país. A primeira, tras varias décadas con sede en Madrid, fixou en 2020 o seu enderezo fiscal en Bilbo, tributando as dúas segundas na capital do Estado.

  O escenario repítese no complexo industrial. Así, unha empresa de actualidade como Alcoa, co seu único centro de traballo operativo no Estado en San Cibrao (Cervo), paga os seus impostos en Madrid, malia que a factoría da Mariña representa máis do 30% do Produto Interior Bruto (PIB) total das comarcas de Lugo.

  Outro tanto acontece coa antiga Ferroatlántica, actualmente Xeal, a primeira compañía en man de obra ocupada e facturación da Costa da Morte, co seu enderezo fiscal emprazado na madrileña rúa de Velázquez. A situación é semellante en Celsa, a metalúrxica da Laracha, con arredor de 150 empregados, cuxos beneficios son tributados en Madrid. 

  As grandes fortunas pagan en Madrid

  A situación atopa réplica noutros sectores da actividade económica e na operativa dos principais capitais do país. Neste sentido, a meirande parte das Sociedades de Investimento e Capital Variábel (Sicav) dos grandes patrimonios galegos teñen o seu enderezo en Madrid. En 2013 só mantiñan a sede en Galicia tres Sicav, propiedade de Manuel Fontela, Francisco Botas e Iván Prieto, pagando os impostos na capital do Estado as Sicav de importantes fortunas galegas como a da falecida Rosalía Mera ou a de Amancio Ortega. A ausencia de transparencia na operativa fiscal dos grandes capitais impide achegarse con máis precisión a situación actual, onde gaña cada día máis peso o emprazamento de sociedades en paraísos fiscais.

  As consecuencias do efecto capitalidade resultan negativas para a economía galega. Segundo se sinala no informe Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal, elaborado polo grupo de investigación dos profesores Francisco Pérez e Ernest Reig para o Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), teñen a súa sede en Madrid o 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, o 50,4% das 500 máis grandes e o 60% das 100 primeiras. Pola contra, só manteñen o enderezo social en Galicia o 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, o 5% das 500 máis grandes e o 4% das 100 primeiras. A consecuencia disto, Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do PIB no 1,6% do territorio.

  O IVIE responsabiliza desta situación o apoio público á capital do Estado, que “reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas, en lugar de actuar para compensar o proceso de polarización entre Madrid e boa parte das rexións españolas”. Na mesma liña, o instituto valenciano denuncia que “o efecto externo negativo sobre outras comunidades da competencia fiscal de Madrid reforza a tendencia á diverxencia rexional”. Ao tempo, destaca que o efecto sede “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas nun territorio que conta cun nivel de renda por habitante moi por riba da media, ao celebrar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial”.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados