E-distrito

Noticias

A Audiencia Nacional anula a prórroga a Ence outorgada por Rajoy porque non xustificou que deba estar na ría

A Audiencia Nacional anula a prórroga a Ence outorgada por Rajoy porque non xustificou que deba estar na ría

  Estima os recursos do Concello de Pontevedra e Greenpeace.O tribunal non entra a valorar a duración da concesión senón que a instalación teña que estar en terreos públicos costeiros,

  16 xullo 2021

  A Audiencia Nacional fixo públicas este venres dúas sentenzas similares con data deste xoves 15 de xullo que estiman os recursos presentados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace contra a decisión de 2016 do Goberno de Mariano Rajoy de prorrogar ata 2073 a concesión que Ence tiña desde 1958 ata 2018 en terreos públicos gañados á ría de Pontevedra. O tribunal non entra a valorar a duración da concesión senón o propio feito de que unha instalación así teña que estar en terreos públicos costeiros, cuestión que di que non foi xustificada polo Goberno de España para outorgar a prórroga.

  A Audiencia Nacional salienta que, a diferencia de 1958, cando se outorgou a prórroga estaba en vigor a Lei de Costas de 1988, de acordo coa cal “só se pode permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento”. 

  O tribunal di que a auga doce é “un recurso necesario e imprescindible para o proceso produtivo” das plantas de pasta de papel como a de Ence, así como a proximidade de augas doces ou salgadas nas que verter os efluentes das factorías, pero matiza que non é preciso que ditas plantas “teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre”. “Poden situarse nas proximidades, pero fóra” do espazo público costeiro, “nas proximidades dos ríos ou de grandes masas de auga”, di o tribunal. E engade que “iso é precisamente o que sucede coa fábrica de Ence en Navia”, xunto a un río pero a uns tres quilómetros do mar. “Esa vinculación da planta de celulosa co dominio público marítimo terrestre”, di a Audiencia Nacional, “non resultou acreditada no caso de autos”.

  O tribunal salienta que a actuación da administración sobre o dominio público marítimo terrestre debe perseguir “asegurar a súa integridade e debida conservación [...] sen máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas, que no caso de autos, como dixemos, a Orde impugnada nin esgrimiu nin xustificou”.

  A Audiencia Nacional conclúe que resulta “procedente denegar a prórroga da concesión outorgada, o que nos exime de entrar no exame da duración da prórroga da citada concesión”. O tribunal tamén considera válida a decisión da Avogacía do Estado xa co Goberno central de Pedro Sánchez de mudar de postura e deixar de defender a prórroga, actuación da que di que “non infrinxe o ordenamento xurídico”. Contra estas dúas sentenzas favorables ao Concello de Pontevedra e Greenpeace pode presentarse recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Horas despois da publicación da sentenza, Ence ratificou a súa intención de recorrer un ditame que "respecta", pero co que está en "desacordo".

  Unha lei ambigua e unha prórroga en funcións.

  O pronunciamento da Audiencia chega máis de media década despois da prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. En 2016, dous anos antes de que a concesión que tiña vixente ata 2018 rematase e tres anos despois de que a empresa solicitase a prórroga en 2013, o Ministerio de Medio Ambiente do Executivo do PP daba vía libre á pasteira para poder sumar ata 116 anos producindo nun espazo do dominio público marítimo-terrestre abeirándose nunha reforma da Lei de Costas impulsada polo gabinete de Rajoy pouco despois de chegar ao poder.

  Entre outras cuestións, a norma de 2013 buscaba de xeito expreso ampliar a duración das concesións no litoral, pero fíxoo sen deixar claro se o novo máximo concesional permitido, de ata 75 anos para as instalacións con menor impacto ambiental, había que contabilizalo sumando a concesión inicial máis a súa prórroga ou só era aplicable ás novas prórrogas. No caso de ENCE isto supuña dirimir se podería ficar en Pontevedra, como moito, 15 anos máis dende 2018, ata 2033, ou se, pola contra, podería sumar, por exemplo, os 60 adicionais a contar dende 2013 que lle foron concedidos, ata 2073.

  Un ano despois de aprobarse a lei, o Goberno de España aprobou en 2014 vía decreto o Regulamento Xeral de Costas que a desenvolveu. Ao analizar esa nova norma o Consejo de Estado, presidido daquela polo popular Romay Beccaría, emitiu un ditame moi crítico coa “ambigüidade” que o Goberno de Rajoy deitaba sobre os prazos concesionais e insinuaba a necesidade de cambiar a propia lei. "O lóxico sería que a Lei permitise a prórroga ata ese máximo [75 anos para os casos con menos impacto ambiental] pero deixando meridianamente claro se se contan ditos 75 anos desde o comezo mesmo da concesión (é dicir sumando as duracións de ambas [concesión orixinal e prórroga])". O Consejo de Estado, ante esa “ambigüidade”, preguntábase “se en realidade o prazo total podería chegar incluso aos 150 anos”, ao sumarse concesión orixinal e prórroga. 

  Alén desas críticas, o Goberno de Rajoy respondeu aos recursos xudiciais contra a prórroga defendéndoa nos tribunais. Pero dende a chegada do PSOE de Pedro Sánchez ao poder, a Avogacía do Estado decidiu realizar unha interpretación máis restritiva. Do seu punto de vista, o adecuado é limitar a suma de anos totais da concesión. 

  Porén, agora a Audiencia Nacional non entra en ningunha desas consideracións e pon o foco no que non mudou da Lei de Costas de 1988, que é que está pensada para protexer o litoral como un ben público no que só se poden outorgar concesións para actividades privadas se está xustificado que esas actividades teñan que estar na costa. Tras a publicación da sentenza, o valor das accións de ENCE en bolsa comezou a caer ata rozar un devalo do 9%.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados