Greenalia recibiu case 800.000€ en subvencións e un préstamo dun millón de euros da Xunta pouco antes de contratar a Bea Mato.
Un cambio na norma autonómica permitiulle multiplicar por 9 o seu valor en bolsa e impulsar máis de 50 parques eólicos
02 xullo 2021
En 2015 Greenalia era unha empresa sen horizonte nin futuro. A andaina desta compañía coruñesa comezara uns anos antes, por 2006, cando o fundador Manuel García Pardo decidiu abandonar o negocio familiar da celulosa para tentar conseguir un anaco da torta das renovables. Pero chegou tarde á festa. Para cando logrou tramitar os seus primeiros proxectos, Feijóo anulou ilegalmente o concurso eólico do bipartito, deixando en suspenso a carreira do vento en Galicia. Greenalia comezaba entón unha longa travesía polo deserto da que, paradoxicamente, había de saír uns anos despois coa axuda do goberno do PPdeG.
Foi por 2016 que as cousas comezaron a mellorar. O Ministerio de Enerxía deulle á empresa coruñesa unha oportunidade de ouro para entrar no mercado das renovables: licenza para instalar 50 megawattios de potencia en plantas de biomasa. Só había un problema. En Galicia imperaba, dende o ano 2008, un decreto do Bipartito polo cal estas plantas non podían superar os 10MW. A razón estaba nos eucaliptos e o temido "efecto chamada": que a construción dun gran forno para producir electricidade acelerase aínda máis a expansión desta especie invasora e de rápido crecemento.
Dous anos despois, Greenalia tiña xa a planta de biomasa na man e ía camiño de recibir case 800.000€ en subvencións da Xunta de Galicia. Entre ambos puntos distaron 803 días e unha modificación da lei autonómica que permitiu á empresa sacar adiante o primeiro proxecto da súa historia, e tamén o máis grande ata o momento.
Cambio na lei
Os trámites comezan en outubro de 2016. A empresa presenta á Xunta o informe para instalar esa planta de 50MW no concello coruñés de Curtis. Pouco despois, saltan as alarmas no movemento ecoloxista. Adega, que accedera a unha copia do proxecto a través da FEG, presenta alegacións ante a Consellería de Medio Ambiente polo incumprimento dese límite de 10MW, aínda en vigor.
Pouco durou a norma. Dous meses despois da denuncia dos ecoloxistas, Feijóo fixo uso da súa maioría absoluta para derrogar o decreto limitante do bipartito e dar carta branca á produción de biomasa, que a día de hoxe non conta con freos á potencia das súas centrais.
O PPdeG botou abaixo a norma na Lei de Acompañamento dos orzamentos de 2017, un recurso criticado porque este texto, en principio, debería versar sobre os presupostos e cuestións relacionadas. “[A Lei de Acompañamento] é unha sorte de caixón de xastre no que as disposicións teñen un debate moito máis acelerado”, valora Fins Eirexas, secretario técnico de Adega, que ve intencións escurantistas no recurso legal da Xunta.
En calquera caso, Galicia entrou en 2017 co camiño aberto para a planta de biomasa de Greenalia. A compañía pediu autorización para o proxecto --que entón xa era legal-- en abril dese ano, e a Xunta deu o visto bo final a comezos de 2018. A planta comezaba a construírse pouco despois e, con ela, arrincaba tamén a fulgurante carreira dunha empresa coruñesa que nestes momentos se sitúa entre as firmas máis puxantes do rexurdir eólico de Galicia.
A fichaxe de Mato
A fama había de chegar un pouco máis tarde. En febreiro de 2020, transcendeu a fichaxe de Bea Mato, exconselleira de Medio Ambiente, para a área de “desenvolvemento cooperativo” da empresa. O caso de Mato levantou sospeitas porque a popular, que viña de perder as eleccións á alcaldía da Coruña, estivera á cabeza de Medio Ambiente entre 2015 e 2018; é dicir, cando o órgano da Xunta deu á compañía coruñesa a autorización ambiental para instalar a planta.
A oposición cargou entón contra o nomeamento aludindo á Lei de Transparencia de 2016, unha norma que impide aos ex cargos públicos prestar servizo en empresas para as que resolveran expedientes nos dous anos seguintes ao seu cesamento. A Xunta escusaríase varios meses máis tarde destacando que, tecnicamente, non foi Mato quen asinara os permisos, senón a Dirección Xeral de Calidade Ambiental; órgano que, por outra parte, dependía da conselleira.
Cinco parques eólicos
Esta saída pola tanxente repítese nos cinco parques que a consellería autorizou a Greenalia pouco antes da entrada de Mato na empresa. Para Alba Nogueira, catedrática de Dereito Adminstrativo na USC e ex do Consello Nacional do BNG, o recurso “perverte o espírito” da Lei de Transparencia, pensada para evitar as portas xiratorias. “Nunha interpretación moi literal da norma podería entenderse así, se ben é evidente que na administración hai unha relación xerárquica e que os nomeamentos dependen da conselleira”, apunta.
Con todo, o futuro destes cinco parques eólicos --repartidos entre A Coruña e Lugo-- segue sen estar garantido. Adega, apunta Eirexas, non descarta levar aos tribunais estes proxectos por tratarse dunha fragmentación ilegal “de libro”. Tres dos parques aprobados pola Consellería comparten infraestruturas clave sen gardar apenas distancia entre eles, cuestións que encaixan coa sentenza do TSXG que botou abaixo unha instalación de Norvento en Mondoñedo por fragmentación irregular. O proxecto tamén podería caer se se demostra que a decisión da Consellería estivo viciada por intereses persoais, subliña Nogueira, e o xulgado aprecia “nulidade” no proceso.
Vellos coñecidos do PP no Consello
Mato, que o pasado mes de maio ascendeu ao consello de administración de Greenalia, comparte reunións con vellos coñecidos do PP que, en certos casos, tamén chegaron a liderar postos de importancia no goberno galego. É o caso de Antonio Couceiro, que entrou no consello de administración da empresa o mesmo mes que a Xunta aprobaba o informe de impacto ambiental da planta de biomasa: xullo de 2017.
Dúas décadas atrás, Couceiro deseñara o plan eólico da era Fraga, baixo a cal liderou a Consellería de Industria e Comercio. O documento fora intensamente criticado polas asociacións ecoloxistas implicadas; entre elas a Sociedade Galega de Historia Natural, cuxo presidente, Serafín González, tachou de “escurantista”. “Era un documento de vergoña”, destaca. “Había 11 volumes de palla e só nos deixaron ler as conclusións porque dicían que o texto completo era moi voluminoso. Logo dixeron que non era relevante...” incide.
O marco legal deseñado por Couceiro deu pábulo a unha etapa de auténtica especulación eólica, na que a metade das licenzas concedidas pola Xunta pasaron de man en man sen que se chegara a instalar “un só muíño”, segundo publica o diario El País a partir de cifras do goberno bipartito.
Outro nome destacado no consello de administración da empresa é José María Castellano, que por 2011 pasou de ser vicepresidente de La Voz de Galicia a liderar a maltreita fusión das caixas galegas tras ser chamado a filas por Feijóo. A operación rematou con máis de 4.000 despedimentos, o exdirector de Caixanova en prisión e 9.000 millóns de euros de orzamento público inxectados á entidade. O propio Castellano sería apercibido tras poñerse un salario de 900.000€ anuais, que logo tivo que reducir a un terzo por lei.
Case 800.000 euros de subvencións
Actualmente, Greenalia conta con dous parques eólicos en funcionamento e outros 55 en trámite, tres dos cales están xa aceptados e baixo construción. Nos últimos tres anos, a compañía sufriu un auténtico despegue de cifras, multiplicando por 9 o seu valor en bolsa e con expectativas de rematar 2021 cunhas contas 11 veces máis grandes que en 2017, ano anterior ao visto bo da planta de biomasa. Entre 2017 e 2019, antes da entrada de Mato na empresa, recibiu 781.025€ en subvencións --ningunha de Medio Ambiente-- e un crédito dun millón de euros da man do IGAPE.
Derivado de Galicia Confidencial.