En xeral, a facturación de peaxes e cargos reducirase para consumidores que ata agora non tiñan discriminación horaria e incrementarase para os que xa estaban acollidos a discriminación horaria.
31 maio 2021
Esta terceira feira, 1 de xuño, entra en vigor en todo o Estado español a nova factura eléctrica, un cambio de regulación que afecta a todas as persoas cunha potencia contratada inferior a 15 quilovatios (kW) e que fará que se incremente a diferenza de prezos entre os distintos horarios, que tamén sufrirán modificacións, limitando as horas de prezos máis baixos.
Na nova factura, todas as persoas consumidoras con potencia contratada inferior a 15kW terán unha tarifa única (a 2.0 TD) con tres termos de enerxía (punta, plana e val) e dous termos de potencia (punta e val).
O consumo diferénciase en tres períodos: o período punta, co prezo máis elevado, de 10 da mañá a 14 horas e de 18 horas a 22 da noite da segunda á sexta feira non festivos; o período plano, que terá un prezo algo máis barato de 8 a 10 horas, de 14 a 18 horas e de 22 a 00 horas e, por último, o período de val, cun prezo reducido e que comprende as horas nocturnas (de 0 horas a 8) e todas as horas de sábados, domingos e festivos.
Isto fará que moitas galegas e galegos se vexan obrigados a mudar os seus hábitos á hora de consumir enerxía, por exemplo reservando a colada para as fins de semana ou programando os aparellos de maior consumo para que funcionen de madrugada, nas horas máis baratas.
No que atinxe á potencia contratada, un dos elementos que máis inflúen no prezo final da factura, tamén hai novidades. Até agora só había unha única potencia contratada. Na nova factura poderanse elixir dúas diferentes, en función da previsión de consumo, unha para o período entre as 8 da mañá e a medianoite, e outra da medianoite até as 8 da mañá. Esta diferenciación está pensada para aproveitar as horas val, por exemplo para a carga de vehículos eléctricos.
Discriminación horaria
En xeral, a facturación de peaxes e cargos reducirase para as persoas consumidoras que até o de agora non tiñan discriminación horaria e incrementarase para as que xa estaban acollidas a discriminación horaria.
Segundo os cálculos do Instituto Enerxético da Galicia (Inega), no caso concreto dun fogar cunha potencia de contrato de 4,6kW e un consumo de 4.000 kWh/ano, con tarifa regulada (PVPC) e discriminación horaria, a parte regulada da factura incrementarase cos novos cargos e peaxes un 36%, uns 66 euros ao ano.
A este respecto, o Inega sinala que os fogares con sistemas de acumulación de calor, ao reducirse os períodos val de 14 a oito horas ao día entre semana, poida que teñan que incrementar a potencia contratada para acumular en menos horas a enerxía necesaria.
Mais o Inega advirte de que estas persoas poderían atoparse cun problema engadido ao incrementar a potencia contratada, xa que o novo regulamento especifica que só se poderán acoller ao Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC) ─a tarifa regulada─ as persoas consumidoras con potencias contratadas inferiores a 10 kW, mentres que as que superen esa referencia terán que abandonar o PVPC e acudir ao mercado libre, en xeral máis caro.
Pequeno aforro no resto
No caso da clientela con tarifa regulada (PVPC) pero sen discriminación horaria, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) estima un aforro de "polo menos 3,4%" no recibo da luz, produto da redución dun 68% no compoñente regulado da factura (as peaxes e os cargos), que representan entre o 50-55% da factura final, mentres que 24% restante do recibo da luz corresponde ao custo da enerxía e algo máis de 21% aos impostos que inclúen.
Para os fogares con tarifa nocturna cifra o encarecemento da factura en 2 euros ao mes.
Derivado de Nós Diario.