A iniciativa Xabarín recibe o aval unánime da Cámara galega. A proposta chegou ao Parlamento despois de superar 33.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística.
12 maio 2021
As forzas políticas con representación na Cámara galega expresaron o seu apoio a unha proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para pór en marcha unha canle audiovisual en galego dirixida ao público xuvenil. A iniciativa, avalada pola sinatura de máis de 33.000 persoas, defende que a Corporación de Radio Televisión da Galicia (CRTVG) aumente a oferta en galego destinada á infancia.
O acordo adoptado polo Parlamento da Galicia recolle que “o sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, ADSL e tecnoloxía móbil, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como app actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega”.
Contidos en galego na TVE
A iniciativa aposta, tamén, por “reclamar que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos da súa app”. Ao tempo, demanda “chegar a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como ao estudo para o avance da difusión do sinal da TVG en Portugal e da RTP na Galiza”.
A deputada socialista Noa Díaz Varela cualificouna de “proposición agradecida polo consenso que achega” e destacou que a “iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística recolle un sentir popular”. “Galicia non pode quedar atrás”, manifestou Díaz, quen lembrou que “a proposta reclama que Galicia deixa de ser a única comunidade con lingua propia que non conta cunha canle propia para o público infantil”.
A portavoz nacionalista en materia de lingua, Mercedes Queixas, destacou que “o uso da lingua é sempre social e para restituír o galego ten que ser visíbel e audíbel; a televisión é un bo exemplo de invisibilidade do galego”. “Das 120 horas que emite ao día TVE, só 39 minutos son en galego”, recalcou Queixas.
Parabéns do PP á Mesa.
A representante popular Raquel Arias argumentou o apoio do seu grupo á proposta afirmando que “hoxe é un deses días onde as deputadas nos sentimos contentas” e agradeceu á Mesa o “grande interese que puxo en buscar acordos para garantir o dereito dos nenos a que se lle ofrezan contidos en lingua materna”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirmou en declaracións a Nós Diario que “este acordo, o primeiro sobre a lingua após 12 anos, é o resultado dunha intensa mobilización da sociedade”. “Os centos de negocios que prestaron a súa colaboración para recoller apoios, nunhas condicións moi complicadas pola pandemia, os voluntarios da Mesa que se mobilizaron para recadar sinaturas e as máis de 33.000 persoas que prestaron a súa sinatura á iniciativa posibilitaron un acordo para que o galego deixe de estar excluído do audiovisual”.
Maceira cualificou este proxecto de “éxito colectivo da sociedade galega” e apuntou que “amosa que se hai vontade política é posíbel reverter a situación e gañar novos usos para o idioma” galego.
Derivado de Nós Diario.