O pleno do Parlamento aprobou esta semana a toma en consideración dunha proposición de lei do BNG para ser remitida ao Congreso dos Deputados e alí tramitar o traspaso ao Goberno galego das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria. O texto é idéntico ao que fora aprobado no ano 2008 por unanimidade na propia Cámara galega, pero que fora freado ao chegar ao Congreso polo voto en contra do daquela gobernante PSOE e tamén pola abstención do PP que, se optase polo voto favorable, desequilibraría a balanza a prol do "si".
Ao contrario do que sucedera naquel 2008, o reinicio da tramitación non veu desta volta avalado pola unanimidade dos tres grupos do lexislativo galego. Saíu adiante co "si" do Bloque, o grupo propoñente, e tamén co voto afirmativo do PSdeG, pero coa abstención do PP. É o mesmo que aconteceu na pasada lexislatura, cando foran os socialistas os que formularan unha iniciativa nos mesmos termos, pero que decaeu pola convocatoria electoral de 2020.
Como hai trece anos, unha eventual aplicación desta lei implicaría que a Xunta asumise a práctica totalidade das competencias de tráfico e seguridade viaria (todas, agás a expedición de permisos de conducir, a matriculación e a xestión de permisos de circulación dos vehículos). Esta transferencia traería consigo unha mudanza ben tanxible para a cidadanía, xa que implicaría o despregamento da Policía galega regulada por lei dende 2007 -daquela, cos votos a prol de PSdeG e BNG e o "non" dos populares-. No entanto, apenas dous días despois da votación, o PP xa avanzou que non está disposto a permitir que isto suceda.