A comisión de Transición Ecolóxica do Congreso dos Deputados aprobou este 8 de abril con competencia lexislativa plena -o que equivale á súa aprobación en pleno- o proxecto de Lei de Cambio Climático, promovido polo Goberno de España, que agora segue o seu trámite cara ao Senado. O texto saíu adiante por ampla maioría: 22 votos a prol, 5 en contra e tamén 10 abstención, as dos representantes do PP e tamén de Más País, aínda que por motivos diferentes. A abstención do PP contrasta coa posición do propio PP en Galicia e da propia Xunta, que nos últimos días asegurou que a súa vontade é recorrer o texto ante o Tribunal Constitucional.
O amplo texto aborda moitos aspectos vinculados á prevención do quecemento global. Así, por exemplo, fixa o obxectivo de reducir un mínimo do 23% as emisións de efecto invernadoiro en 2030 a respecto das do ano 1990 ou que o sistema eléctrico do Estado estea apoiado nese mesmo ano nun mínimo do 74% de fontes renovables, como primeiro paso para chegar ao 2050 á neutralidade climática.
A norma tamén marca obxectivos concretos para descarbonización do parque móbil e indica que, a partir de 2040, todos os vehículos non comerciais que se vendan terán que estar libres de emisións de dióxido de carbono, na liña do fixado pola normativa comunitaria. Nesta liña, en materia de mobilidade, todos os concellos con máis de 50.000 habitantes terán que ter zonas de baixas emisións como moi tarde en 2023 -no caso galego, as sete principais cidades-.