No ano 2020 Galicia produciu 24.553 xigavatios/hora (GWh) de electricidade, segundo os datos provisionais publicados por REE. Deles, a maioría procederon de fontes renovables, coma o vento (enerxía eólica) ou a auga (enerxía hidráulica). En concreto, foron 18.554 GWh de enerxía renovable, o 75,57% do total. Esta produción eléctrica renovable foi superior á demanda eléctrica galega, que se situou nos 17.383 GWh. É a primeira vez na historia que a produción con renovable é quen de cubrir por si soa o 100% da demanda.
Isto foi así debido a un pequeno incremento na xeración con renovables, que pasou de 16.206 a 18.554 GWh, unido a unha diminución na demanda (de 18.449 a 17.383 GWh), posiblemente relacionada en parte co menor consumo eléctrico motivado pola pandemia de Covid-19, especialmente durante o confinamento da pasada primavera. No conxunto do Estado a demanda eléctrica descendeu un 5,6% e tamén se incrementou a produción con enerxías renovables.