E-distrito

Noticias

Denuncian que a Xunta desviou fondos da UE para coidar o medio ambiente a proxectos de caza

Denuncian que a Xunta desviou fondos da UE para coidar o medio ambiente a proxectos de caza

  Ecoloxistas en Acción asegura que a administración Feijóo se nega a facer pública a distribución "concreta" dos fondos verdes da UE

  26 Marzo 2021

  Nova denuncia do movemento ecoloxista contra a xestión da Xunta de Galicia. Se nos últimos meses as plataformas verdes asentadas na Comunidade cargaron, en particular, contra o actual modelo de implantación de enerxía eólica, o derradeiro movemento ao cargo de Ecoloxistas en Acción ter por obxecto de crítica as axudas europeas recibidas pola xunta e a “falta de transparencia” do seu emprego e reparto.

  A denuncia da plataforma verde chega despois de que, segundo os denunciantes, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se negara a ofrecer información “concreta” e “exacta” sobre os proxectos financiados coas axudas europeas á conservación da natureza. Dende Ecoloxistas en Acción Galiza denuncian a “imposibilidade” de atopar “nin orzamentos nin cantidades exactas” dos fondos europeos que utiliza a Xunta anualmente pero, sobre todo, censuran que “non sabemos a que se destinaron” ao detalle. 

  O prato forte da denuncia da plataforma, porén, chega porque, segundo sospeitan os seus representantes, a Xunta chegou a “desviar” fondos a cuestións que “pouco ou nada teñen que ver co patrimonio natural”; entre as que destacan “amañar camiños, potenciar o turismo” ou, para maior “perplexidade”, mesmo actividades dedicadas á caza.

  A proximidade entre a Xunta de Feijóo cos grupos dedicados á práctica cinexética vén de ser duramente sinalada polas plataformas ecoloxistas galegas nos últimos meses, en particular trala permisividade amosada pola administración autonómica no tocante á liberdade de movementos para cazar ou na defensa encarnizada que a Xunta leva facendo da caza do lobo, opoñéndose á protección da especie impulsado polo Goberno central. 

  Sen información concreta

  Ecoloxistas en Acción carga así contra o “escurantismo” apreciado nos xestos da Xunta e esíxenlles que fagan pública a distribución monetaria destas axudas para poder coñecer, concretamente, que proporción dos fondos Feder para a conservación do medio ambiente terían sido dirixidos a programas de caza e semellantes. Os Feder levan operativos 7 anos, explican dende a plataforma, sen que o portal de transparencia da Xunta ofreza información “concreta” das cantidades exactas nin dos proxectos específicos.

  De acordo coa plataforma, a Consellería que dirixe Ánxeles Vázquez, escúdase “en que son varios os organismos internos que xestionan as axudas”, unha alegación que non semella ter convencido aos denunciantes. Estes, pola contra, insisten na necesidade de facer públicas as contas e de atender as “necesidades urxentes” do medio galego, entre elas o freo das verteduras ás augas ou o tratamento de ecosistemas “sensibles” como as brañas que ven “descoidadas”. 

  “A política forestal ou a referida ao lixo son outros dos temas nos que a Xunta debería investir os cartos que chegan de Europa”, engaden os ecoloxistas galegos, así como na biodiversidade e poñen como exemplo a “pouca preocupación” na conservación de sementes autóctonas. “Non se está protexendo o material xenético das nosas especies forestais, froiteiras...”, engaden. 

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados