E-distrito

Noticias

Abalos e Feijóo acordan levar a cabo a conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña

Abalos e Feijóo acordan levar a cabo a conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña

  O Ministro de Transportes do Gobierno español tamén anuncia a saída sur ferroviaia de Vigo e a creación dun comisionado para o Eixe Atlántico.

  11 marzo 2021

  O ministro español de Transporte e Mobilidade, Jose Luis Ábalos, comprometeuse co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a levar a cabo a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña e a saída sur de Vigo. Tamén mantivo o anuncio da chegada do AVE para este ano. A reunión que ambos desenvolveron esta cuarta feira, 10 de marzo, en Madrid terá unha segunda parte, en abril e na Galiza, onde tratarán a situación da AP-9 e a aplicación dos descontos. 

  O Goberno estatal comprometeuse por primeira vez coa construción do acceso por ferrocarril ao porto exterior da Coruña, do mesmo modo que tamén expresou o seu compromiso coa saída sur ferroviaria de Vigo. Tanto unha obra como outra licitaranse no mes de abril, segundo trataron no Ministerio de Transportes José Luis Ábalos e Alberto Núñez Feixoo. 

  Após a xuntanza, o mandatario galego comunicou que se creará unha comisión a tres, coa participación do Executivo estatal, o galego e a Concello da Coruña co obxectivo de "desempantanar a situación financeira do porto".

  Ademais, Ábalos tamén se comprometeu a crear un comisionado para o corredor atlántico, que funcionará como interlocutor da Xunta nesta infraestrutura. O ministro aseverou que non haberá lugar a desigualdades entre o desenvolvemento do corredor do Mediterráneo e o do Atlántico, e afirmou que terán mesmo trato e consideración. 

  En canto ás obras da alta velocidade ferroviaria para conectar Galiza coa Meseta, estas evolucionan "sen incidencias", dixo Ábalos, polo que se manteñen os prazos do Goberno español para a posta en servizo: o segundo semestre de 2021.

  Feixoo avanzou que, dados os numerosos temas que non deu tempo a abordar na súa cita desta cuarta feira, ambos volverán verse na Galiza despois de Semana Santa, na semana do 5 de abril.

  Á marxe de afondar en cuestións máis concretas da alta velocidade -o presidente galego asegurou que só recibiu "unhas pinceladas" do avance das obras da conexión coa Meseta-, na "continuación" deste encontro en abril trataranse asuntos como a situación das autovías, os fondos europeos Next Generation e os proxectos como o Xacobeo.

  Bonificacións e descontos nas peaxes da AP-9

  Segundo comunicou o ministro, antes de que finalice o primeiro semestre de 2021, o Goberno estatal aprobará o decreto en que se estabelecerán as bonificacións e descontos na autoestrada AP-9 e que foron acordados nos Orzamentos Xerais do Estado. 

  Unhas horas antes de entrevistarse con Feixoo, o ministro garantiu na sesión de control ao Goberno decorrida no Congreso dos Deputados que está a traballar na tramitación para poder aplicar de forma definitiva as bonificacións na AP-9, que se efectuarán até que se acabe a concesión da autoestrada. Tamén sinalou que a inclusión da partida de 55 millóns de euros destinada á AP-9 nos orzamentos foi "o primeiro paso imprescindíbel" para poder efectuar a bonificación. Así se pronunciou tras ser interrogado polo deputado do BNG, Néstor Rego, que exixiu a aplicación inmediata das rebaixas na AP-9. 

  O deputado nacionalista denunciou que a Autoestrada do Atlántico é hoxe un dos viarios máis caros do Estado español e un dos poucos con concesións de longa duración. Neste momento, só tres e dúas delas na Galiza: a AP-9 e a AP-53 Santiago-Lalín, neste caso até o ano 2074. 

  Rego lembrou que no acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSOE foron recollidas varias medidas tendentes a abaratar o custo das portaxes na AP-9, “entre elas a bonificación de 100% da tarifa para usuarios recorrentes; a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o compromiso de eliminar o incremento de tarifas acumulativo durante 20 anos correspondente aos convenios de 2011 e 2013”. Porén, criticou Rego, o que se anunciou o pasado 1 de xaneiro foi, no canto do inicio das bonificacións, un novo incremento de tarifas. 

  Pola súa banda, o ministro reiterou o compromiso de cumprir o acordo de investidura co Bloque e urxiu a aplicar os descontos e bonificacións e a concretar as datas en que comezarán a ser aplicados.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados