E-distrito

Noticias

265.934 Galegos e galegas de entre 16 e 34 anos vivían cos seus pais en 2019.

265.934 Galegos e galegas de entre 16 e 34 anos vivían cos seus pais en 2019.

  As persoas de entre 24 e 35 anos destinan o 33% do salario ao pago do aluguer.

  09 marzo 2021

  Segundo a última Enquisa Estrutural dos Fogares elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), un total de 265.934 galegos e galegas de entre 16 e 34 anos vivían cos seus pais en 2019. Así, entre este grupo predominan os homes, que representan o 54,3% do total, mudando esta porcentaxe a medida que aumenta a idade da segunda xeración do núcleo familiar, como consecuencia do papel das mulleres nos labores dos coidados.

  137.699 mozos e mozas de entre 18 e 24 residen no fogar familiar. 

  Neste caso, os homes, con 51,23% do total, superan as mulleres por unha marxe mínima, sendo os membros de fogares con menos recursos aqueles que antes se emancipan. O sociólogo Enrique Gil Calvo explica este fenómeno, aparentemente contraditorio, como resultado das dificultades dos membros das clases traballadoras para accederen aos ensinos superiores, das propias dificultades económicas do núcleo familiar e do carácter máis precario da vivenda familiar. A tipoloxía cambia de maneira radical entre a fracción de 25 a 34 anos. Segundo o IGE, dentro deste grupo, 128.234 persoas partillan domicilio cos pais, sendo cada día máis elevada a súa media de idade. Porén, a panorámica trazada polo instituto público para 2019 ten sufrido unha importante alteración como consecuencia da situación económica derivada da pandemia, provocando unha alza importante na porcentaxe de mozos que teñen retornado ao fogar familiar. Neste caso, o coronavirus vén tamén a agudizar as tendencias presentes na sociedade con anterioridade.

  Os porqués

  As causas do alongamento da estadía no fogar familiar até idades tan tardías ofrecen pouca discrepancia entre as persoas expertas. Apuntan como causas fundamentais da situación a inseguridade laboral, como consecuencia da alta taxa da temporalidade nestas franxas de idade, os baixos salarios e o prezo da vivenda, sexa en propiedade sexa en aluguer. 

  Neste sentido, o presidente do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, ten recoñecido que “o alugueiro converteuse para moitos cidadáns, especialmente para á mocidade, no único xeito de acceso á vivenda”.

  A suba do prezo da vivenda neste contexto de pandemia empeora máis a situación. Mentres no conxunto estatal diminúen de maneira importante os custos do aluguer e dos inmóbeis en propiedade, a dinámica do mercado galego vai por outro camiño, coa cidade de Ourense liderando a alza do prezo do aluguer e a de Lugo. Ao tempo, o diñeiro destinado ao pago do aluguer representou en 2019 o 33% do salario para as persoas comprendidas entre os 24 e os 35 anos.

  Os baixos salarios e o desemprego supoñen o cerne do problema. A mocidade concentra os salarios máis baixos como consecuencia das altas taxas de parcialidade e temporalidade. 

  Así, o IGE sinala que en 2020 o 19% do total de persoas ocupadas menores de 35 anos estaban contratadas a tempo parcial e o 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos tiñan un contrato temporal. Ademais, as persoas menores de 25 anos percibían de media un salario anual de 12.417,98 euros, o que representaba unha diferenza salarial de 48,27% co total da poboación.

  As mulleres, as máis precarizadas

  A caída da ocupación golpea de maneira particular a mocidade desde o comezo da pandemia. O desemprego afectou en 2020 o 33,7% da poboación menor de 25 anos, o que significa un aumento de 6,3 puntos en relación co ano anterior. Ao tempo, o paro chegou ao 48,30% das persoas de entre 16 e 19 anos e ao 37, 73% no grupo de idade de entre 20 e 22, unhas cifras de desemprego en calquera dos tres casos moi superiores á media galega, que nese período se sitou en 13,2%. As mulleres son, dentro da mocidade, o grupo máis afectado. A Enquisa da Poboación Activa (EPA) apuntou para 2020 o 40% de desemprego para as menores de 25 anos e o 70% para as menores de 20 anos.

  As consecuencias deste fenómeno teñen diversas repercusións en diferentes esferas da realidade social. A este respecto, os sociólogos significan que o grande problema da emancipación tardía supón o atraso no mundo adulto das novas xeracións e destacan as implicacións dos atrasos nas cuestións vitais, nomeadamente, no que respecta á natalidade e á crise demográfica. A poboación galega maior de 65 anos representa 25% do total e duplica a porcentaxe dos menores de 16 anos, até o punto de non superar estes o 12% do conxunto do censo en 244 municipios.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados