E-distrito

Noticias

A Xunta pecha hostalería, restrinxe o comercio e limita reunións a conviventes en toda Galicia

A Xunta pecha hostalería, restrinxe o comercio e limita reunións a conviventes en toda Galicia

  Feijóo anuncia as novas restricións fronte ao coronavirus para un período “mínimo” de tres semanas nas que todos os concellos estarán baixo peche perimetral individual

  26 xaneiro 2021

  “Toda Galicia, os 313 concellos” estará sometida a partir da medianoite deste martes 26 ao mércores 27 de xaneiro ao nivel máximo de restricións establecido pola Xunta fronte ao coronavirus, que implicará nesta nova reformulación o peche perimetral individual de cada un dos concellos, o peche da hostalería agás para recoller ou reparto a domicilio, o peche do comercio “non esencial” ás 18 horas e “interaccións sociais limitadas a conviventes”, en palabras do propio Feijóo, que excluíu desa limitación aos lugares de traballo ou á atención de “maiores ou menores”.

  O presidente Feijóo anunciou as novas medidas a primeira hora da tarde deste luns, unha semana máis tarde das anteriores restricións impostas e despois de que tanto o xoves como o venres el mesmo xa avanzase que habería máis. As que agora chegan entrarán en vigor, tras publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) este martes, ás cero horas do mércores 27 e durante un “mínimo” de tres semanas, ata a medianoite do martes 16 ao mércores 17 de febreiro, coincidindo co eEntroido. O obxectivo, como que se pretendía coas restricións de novembro e que non se acadou, é o de "que os centros sanitarios poidan resetearse".

  As restricións

  Todo o comercio "non esencial" debe pechar ás 18 horas e os centros comerciais permanecerán así tamén as fins de semana

  Segundo indicou Feijóo as “interaccións sociais limitadas a conviventes” non se aplicarán nos lugares de traballo ou pola “necesidade de ir atender a un maior ou un menor, no seu caso”.

  Na sanidade seguirán interrompidas as visitas a doentes. As universidades “non reanudarán as súas clases ata o 8 de febreiro, durante a primeira semana serán a distancia exclusivamente ata o 17 de febreiro e a partir desa data intentaremos retomalas presenciais”. No resto do ensino, este seguirá a ser presencial como ata agora, incluídas as escolas infantís, porque segundo Feijóo as cifras sinalan que “as aulas seguen sendo un lugar ben seguro”. Os centros de día socioasistenciais permanecerán abertos pero non outro tipo de centros como as casas do maior. 

  O deporte só se permitirá de xeito individual, ao aire libre, no propio concello e sempre con máscara aínda que se poida garantir a distancia

  No comercio, salvo os esenciais -“supermercados, farmacias, talleres” foron os que enumerou o presidente- “todos” os demais deberán pechar ás 18 horas e os centros comerciais deberán permanecer así tamén os sábados e domingos.

  A Xunta tamén decide o peche doutras actividades “non esenciais” como “todos os establecementos culturais” ou “ximnasios” e o deporte só se permitirá de xeito individual e ao aire libre no propio concello, con uso obrigatorio de máscara "sempre, tamén para correr nas rúas aínda que se poida garantir a distancia”. Si se mantén "a actividade vinculada ás competicións de carácter nacional e internacional" pero as competicións de tipo autonómico quedan suspendidas.

  O presidente reclamou que ademais destas restricións se opte polo teletraballo “ao máximo” e mesmo que a cidadanía limite as súas saídas ao imprescindible, ao xeito de "autoconfinamento". No caso das persoas de máis idade, a petición é limitarse a "a pequenos paseos que consideren imprescindibles”. 

  Os reproches ao Goberno de España

  Feijóo lamenta que o Goberno central non permita adiantar o toque de recollida, que segue sendo ás 22 horas

  Tamén lamentou que “o toque de queda seguirá sendo como manda o Goberno central, a partir das 22 horas”, malia a reclamación da Xunta e outras comunidades autónomas de que se adiante a súa aplicación. Nesa liña, Feijóo lanzou diversas críticas veladas ao executivo de Pedro Sánchez, co que se contrapuxo: “Os gobernantes debemos estar na primeira liña en cada momento, sen desfalecer nin cambiar de prioridades”, dixo.

  Na súa comparecencia, Feijóo tamén suxeriu que dende o Goberno de España "se nos dixo" que a variante do SARS-CoV-2 detectada inicialmente no Reino Unido "ía ser marxinal" na terceira vaga para despois mudar de criterio e presentala como predominante. Esta é unha acusación recorrentemente lanzada nas últimas semanas por diversos dirixentes do PP contra o coordinador de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de   Sanidade, o doutor Fernando Simón, a respecto das súas declaracións do pasado 11 de xaneiro, aínda que non se corresponde coa realidade. En rigor, nesas declaracións, a referencia ao impacto "marxinal" das novas variantes estaba ligada aos contaxios durante as semanas do Nadal, e non ao que sucedese posteriormente.

  Como en novembro, cunha incidencia moito menor á actual, Feijóo sinala "resetear" o sistema sanitario como un dos obxectivos das restricións

  As novas restricións agora implantadas pola Xunta aseméllanse ás adoptadas a comezos de novembro, cando o Goberno galego pechou igualmente a hostalería e outras actividades non esenciais e limitou as reunións a conviventes nun total de 60 concellos, fronte á totalidade de Galicia decidida agora. Nese momento, non obstante, os peches perimetrais non eran individuais en todos os casos [O Sergas chega á súa fase máis crítica na pandemia pola explosión de casos da COVID tras as semanas das festas]

  Daquela, a incidencia acumulada do coronavirus era de algo máis de 300 casos por cada 100.000 habitantes nos 14 días anteriores e as restricións tomáronse co obxectivo de “resetear” o sistema sanitario e chegar en mellores condicións ao Nadal. Aquelas restricións levantáronse un mes despois, a comezos de decembro, malia que a incidencia só se lograra reducir a arredor de 170 casos acumulados a 14 días por cen mil habitantes. Agora, coa incidencia a 14 días achegándose a 700 casos, as novas restricións anúncianse para un “mínimo” de tres semanas.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados