Galicia chegou á Noiteboa cunha situación epidemiolóxica relativamente controlada. A taxa de positividade estaba no seu nivel máis baixo en varios meses, por debaixo do 4%, a incidencia acumulada a 14 días roldaba os 160 casos por cada 100.000 habitantes e o número diario de novos positivos superaba por pouco as 300 infeccións, a pesar de que o número de probas PCR realizadas cada xornada era moi alto (ao redor de 8.500). Non se conseguira "resetear" a situación hospitalaria, pero mesmo así o número de pacientes Covid-19 ingresados era de pouco máis de 300, a cifra máis baixa dende mediados de outubro.
Sabíase que as celebracións de Nadal ían supor un aumento no número de contaxios e ían facilitar a propagación do virus por toda a xeografía galega, chegando mesmo a concellos que nese momento estaban libres do virus. Con todo, decidiuse abrir a man coas restricións e permitir a mobilidade sen controis, amplicando tamén o toque de queda.