E-distrito

Noticias

A pandemia destrúe 18.000 empregos en 2020 en Galicia, que volve aumentar o persoal en ERTE

A pandemia destrúe 18.000 empregos en 2020 en Galicia, que volve aumentar o persoal en ERTE

  O ano da pandemia levou por diante máis de 18.000 empregos en Galicia e deixou 24.000 persoas máis inscritas nas oficinas de emprego.

  05 xaneiro 2021

  Nin a campaña de Nadal puido co impacto da COVID e as restricións derivadas. Nin tan sequera se reduciuu o número de traballadores incluídos en ERTE, que volveu aumentar en decembro malia a chegada das festas e o incremento de actividade económica. 

  O paro rexistrado en Galicia aumentou en 2.115 persoas en decembro e en máis de 24.000 no último ano, un 14,7%

  Os datos difundidos este mércores polos ministerios de Traballo e Seguridade Social son claros. O parou rexistrado aumentou en 2.115 persoas no mes de decembro con respecto a novembro, quedando a cifra total de persoas paradas en 189.587. Son 24.279 máis que hai un ano, o que supón un aumento do 14,7%. 

  Non son mellores os datos de afiliacións á Seguridade Social, que caeron en 7.723 en decembro en Galicia, que supera por pouco o millón de cotizantes (1.002.161). Destruíronse case 8.000 empregos no mes de Nadal e 18.098 no último ano, no ano da pandemia. 

  O número medio de afiliacións á Seguridade Social diminuíu con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. Ourense é a provincia que presenta a maior caída nas afiliacións (-2,33%), con 2.405 menos, seguida da Coruña (-2,01%), Lugo (-1,74%) e, por último, Pontevedra (-1,33%).

  O paro rexistrado, ao contrario que noutras ocasións, sobe de maneira semellante en todos os sectores e só baixa en 656 persoas no colectivo sen emprego anterior, mocidade que se incorpora a algunha campaña de Nadal. No entanto, nin as festas salvaron o emprego. 

  Unha boa proba da redución de actividade económica está no descenso no número de contratos. No pasado mes de decembro asináronse en Galicia 57.472 contratos, case 4.000 menos que en novembro e uns 20.000 menos que no mesmo mes de Nadal do ano pasado. O 91% destas contratacións, ademais, foi temporal. 

  Os efectos da pandemia impactan no mercado laboral, cunhas cifras que este mércores incluíron outro dato clave: o número de traballadores en ERTE, incluídos nestes expedientes asociados ás consecuencias da COVID e das súas restricións, especialmente na hostalería. 

  Malia o descenso constante que desde o mes de maio se produciu no número de persoas incluídas en ERTE en Galicia, o incremento provocado en novembro polas novas restricións mantense en decembro, cun total de 33.772 persoas acollidas a estes expedientes de regulación temporal de emprego.

  Son case 7.000 persoas máis respecto ao mes de novembro incluídas en ERTE en decembro, afectado polo aumento de casos e de incidencia do coronavirus e polas medidas restritivas aplicadas en numerosos concellos, especialmente no sector hostaleiro. 

  Supón un aumento de máis do 25% no número de traballadores acollidos a esta figura dos ERTE, pendente de renovar agora polo Goberno central á vista dunha evolución da pandemia nada positiva e cos efectos dos encontros de Nadal aínda por avaliar. 

  En total, en Galicia son case 34.000 traballadores e traballadoras en ERTE que nas estatísticas laborais manteñen a súa cualificación como ocupadas, á espera de volver á a actividade, aínda que cunhas perspectivas laborais máis que incertas pola evolución da pandemia. 

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados