E-distrito

Noticias

A lei de eutanasia, aprobada no Congreso por ampla maioría 22 anos despois da morte de Ramón Sampedro

A lei de eutanasia, aprobada no Congreso por ampla maioría 22 anos despois da morte de Ramón Sampedro

  A lei de eutanasia promovida polo PSOE sae do Congreso coa maioría absoluta de 198 votos a prol e malia á oposición de PP e Vox.

  O apoio cidadán á eutanasia está no 87% (en 2019 según Metroscopia). A última vez que o CIS preguntou sobre o tema (en 2011), un 77% posicionouse a favor e só un 10% en contra. 

  18 decembro 2020

  En xaneiro de 1998, o sonense Ramón Sampedro morría tras inxerir voluntariamente unha dose letal de cianuro. Daquela levaba trinta anos na cama, sen capacidade de movemento ningún de pescozo cara a abaixo por mor da tetraplexia causada por un accidente na praia das Furnas. Boa parte desas tres décadas pasounas reclamando o dereito a unha morte digna, clamando pola legalización da eutanasia, batendo con negativas que o levaron a optar polo suicidio con axuda forzada á clandestinidade.

  Máis de vinte e dous anos despois daqueles feitos, este 17 de decembro de 2020, o pleno do Congreso dos Deputados avalou por ampla maioría absoluta o ditame sobre a proposición de lei orgánica de regulación da eutanasia, formulada polo PSOE e apoiada por un número de votos notablemente superior aos que xuntan os socialistas e Unidas Podemos, os seus socios de Goberno. O texto saíu adiante con 198 apoios, todos os grupos da Cámara coa excepción dos 138 escanos que suman PP, Vox e os seus aliados de UPN e Foro Asturias e mais dúas abstencións, de Teruel Existe e JxCat.

  O texto, que agora segue camiño cara ao Senado, onde tamén será aprobado, recoñece "o dereito de toda persoa que cumpra os requisitos previstos nesta lei a solicitar e recibir a prestación e axuda para morrer". Entre estes requisitos, alén da residencia legal e da maioría de idade, destaca o de "ser capaz e consciente no momento da solicitude" e "dispoñer, por escrito, da información que exista sobre o seu proceso médico" e as alternativas terapéuticas existentes, caso de existir.

  A norma concede o dereito á eutanasia a quen sufra unha doenza "grave e incurable" ou un "padecemento grave, crónico e imposibilitante"

  A propia lei subliña que quen queira solicitar a eutanasia debe ter información completa sobre "o acceso a coidados paliativos integrais" e, se aínda nese caso persiste na petición, debe formulala por duplicado "de maneira voluntaria e por escrito ou por outro medio que permita deixar constancia", sempre sen "presión externa" e nunca con menos de quince días entre a primeira e a segunda petición agás no caso de que o persoal médico acredite que "a perda da capacidade da persoa solicitante para outorgar o consentimento informado é inminente". 

  Tamén se contempla a posibilidade de aplicar a eutanasia a persoas que xa non se atopen en "pleno uso das súas facultades". Pero nese caso, só se o paciente "subscribiu, con anterioridade, un documento de instrucións, testamento vital, vontades anticipadas ou documentos equivalentes legalmente".

  En calquera caso, só poderá acollerse á eutanasia quen sufra "unha enfermidade grave e incurable" ou "un padecemento grave, crónico e imposibilitante" segundo o establecido na propia lei. Unha vez traspasados todos os controis fixados na norma -que tamén contempla a obxección de conciencia para o persoal médico-, a lei estipula que "a realización da prestación de axuda para morrer debe facerse co máximo coidado e profesionalidade" .

  Carcedo (PSOE) celebra a chegada dun "novo dereito civil, que nos fai libres e avanza en liberdades"

  "No caso de que o paciente se atope consciente, este deberá comunicar ao médico responsable a modalidade en que quere recibir a prestación: "administración directa dunha substancia por parte do profesional sanitario" ou "prescrición ou subministro o paciente por parte do profesional sanitario dunha substancia de maneira que a poida autoadministrar para causar a súa propia morte". Isto poderá acontecer nun centro sanitario público ou privado, así como no propio domicilio, sempre que a "calidade asistencial" sexa a fixada na norma.

  No transcurso do debate, a voceira de Sanidade do PSOE e impulsora da norma, a ex-ministra María Luisa Carcedo, celebrou a introdución dun "novo dereito civil que nos fai libres e avanzar en liberdade" a través dunha lei "absolutamente garantista", informa Marta Borraz para eldiario.es. Lamenta Carcedo que a lei chegue entre ecos "apocalípticos" da dereita, que como "cada vez que se debate un dereito neste Parlamento", opóñense frontalmente para, "pasado un tempo, asumilo e pasado un pouco máis, practicalo".

  O resto do espectro da esquerda, de Unidas Podemos ao BNG, ERC ou EH-Bildu, deron o seu voto favorable. A lei tivo tamén o aval de Ciudadanos. A súa líder, Inés Arrimadas, coida que coa nova lei "ninguén perde dereitos", toda vez que parte dun modelo "garantista" que "respecta o dereito a poder vivir as nosas vidas ou poñer fin a elas segundo as nosas propias conviccións.

  Ao contrario que noutras ocasións, daquela, C s desmarcouse tamén á hora de votar do PP e mais de Vox. Para os populares, esta é unha lei "inxusta, inoportuna e inconstitucional" que "non responde a unha demanda social" e defendeu unicamente afondar nos coidados paliativos, o cal o resto de grupos instan a diferenciar od dereito á eutanasia. Os de Pablo Casado aliñáronse, deste xeito, coa extrema dereita de Vox, que caricaturizou a nova lei como "traxedia".

  Derivado de Praza.
  Foto: O coordinador dos deputados galegos do PSOE, Guillermo Meijón, dá unha aperta a María Luisa Carcedo tras a aprobación do ditame da lei de eutanasia © Inma Mesa / PSOE

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados