Galicia leva décadas instalada nun intenso rápido proceso de envellecemento, que é común á maior partes dos territorios desenvolvidos, pero que no noso país está especialmente acentuado. Numerosos indicadores son útiles para seguir este fenómeno, dende o incremento da idade media ata o aumento da porcentaxe que representa a poboación maior de 65 anos ou a diminución da porcentaxe de poboación nova.
Un destes indicadores, o índice de envellecemento, combina e pon en relación estas dúas últimas estatísticas, pois directamente divide o número de persoas de 65 ou máis anos entre o número de persoas de 15 anos ou menos que viven nun territorio. O resultado, multiplicado por 100 é o índice de envellecemento, de xeito que cando o índice é igual a 100, significa que o número de habitantes de máis de 65 anos é igual ao de menos de 15. E, de igual maneira, cando é 50 representa que hai o dobre de menores de 15 que de maiores de 65.
O INE publicou este martes as estatísticas definitivas de poboación correspondentes ao ano 2019 (ata agora as cifras eras provisionais). Estas cifras confirman que, grazas á chegada de inmigración procedente do estranxeiro, Galicia recupera o nivel dos 2,7 millóns de habitantes, que perdera momentaneamente. Os datos constatan ademais que por primeira vez o índice de envellecemento de Galicia supera o nivel de 200. Ou o que é o mesmo: por primeira vez o número de persoas maiores de 65 anos duplica á dos menores de 15.