E-distrito

Noticias

Sanidade e gastos imprevistos son as partidas que máis soben no primeiro orzamento da Xunta marcado pola COVID

Sanidade e gastos imprevistos son as partidas que máis soben no primeiro orzamento da Xunta marcado pola COVID

  A inclusión de fondos europeos e estatais convértenos nos orzamentos máis altos da historia superando aos do bipartito (PSdG-BNG) de 2.009.

  Núñez Feijóo suliña o esforzo no investimento e afirma que “Aquí non se soben os impostos, nin ás familias nin aos traballadores; aquí o que vimos a consolidar é a rebaixa de impostos que levamos feita desde o ano 2016". 

  Unha das medidas máis chamativas son as "bonificacións" ao xogo nos casinos, bingos e máquinas automáticas.

  25 novembro 2020

  O conselleiro de Facenda entregou este 23 de novembro ao Parlamento, os Orzamentos Xerais do Goberno galego para 2021. As primeiras contas públicas marcadas dende o inicio pola pandemia da COVID-19 dispoñen duns 13.135 millóns de euros, incluíndo a débeda, case un 14% máis que o derradeiro orzamento da pasada lexislatura. O Goberno galego dispón de máis recursos grazas ao incremento dos fondos do Estado, da UE e apoiándose no endebedamento, toda vez que as mudanzas na política de impostos non traerán consigo ningún incremento de ingresos.

  As contas públicas manexan algo máis de 13.000 millóns de euros, incluíndo a débeda, con máis marxe para gastar grazas ao incremento dos fondos do estado e da UE

  En termos absolutos, a partida que máis incrementa a súa previsión económica a respecto de 2020 é a de sanidade, cuns 271 millóns de euros máis no seu orzamento global, ata chegar aos 4.378. No ámbito do Sergas, o gasto previsto en persoal pasa de 1.755 a 1.906 millóns; a Atención Primaria de 1.294 a 1.391 millóns e a hospitalaria, de 2.613 a 2.955. 

  Tras a sanidade, destaca o incremento en termos absolutos da partida de actividades financeiras, dependente da Consellería de Facenda e na que se inclúe o fondo de "imprevistos e funcións non clasificadas", ao que o Goberno galego acudiu recorrentemente nos últimos meses para atender gastos derivados da pandemia. Ese fondo de imprevistos pasa dunha dotación inicial de apenas 1,8 millóns de euros en 2020 a 171 millóns previstos para 2021.

  Nesa forte suba do fondo de imprevistos inclúense 114,6 millóns do denominado Fondo Consenso (43 millóns, de fondos europeos) cos que a Xunta di prever financiar posibles proxectos pactados na comisión de reconstrución do Parlamento ou a atender recomendacións da Comisión de Expertos Económicos que o propio Goberno constituíu ao fío da pandemia ou 33 millóns de euros para a reserva estratéxica de material para a COVID-19. Tamén ata 10 millóns de euros para inxectar en entes instrumentais dependentes da Xunta -nos últimos meses, por exemplo, o Goberno galego compensou un buraco de máis dun millón de euros na sociedade anónima do Xacobeo para compensar a caída de ingresos pola pandemia-.

  Por outra banda a Xunta rebaixa impostos ao xogo en casinos, bingos e máquinas para "paliar os efectos" da COVID. “Cómpre establecer un beneficio fiscal que coadxuve á situación provocada neste sector” para “paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia” do coronavirus. Así xustifica o goberno galego a rebaixa de impostos ao xogo nos casinos, bingos e máquinas automáticas que vai aprobar a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2021

  No que atinxe ás partidas que perden dotación a respecto do ano anterior, a que máis cae en termos absolutos é a das transferencias do Goberno galego ás Administracións locais (concellos e deputacións), que perde algo máis dun millón de euros e queda en 129 millóns. Tamén descende a partida de actuacións económicas xerais (con 26 millóns, 7 menos) e a que sufraga procesos electorais, marcada o ano pasado polos comicios ao Parlamento finalmente celebrados o pasado xullo.

  En termos porcentuais, entre 2020 e 2021 a partida dos Orzamentos que máis se incrementa é, con diferenza, a devandita función de actividades financeiras, que medra máis dun 300% non só pola forte suba do fondo de imprevistos, senón tamén por mor doutras partidas como un préstamo a longo prazo de algo máis dun millón de euros para a CRTVG ou o incremento de algo máis de 4 millóns de euros (ata un total de 6,8) da súa transferencia á Axencia Galega de Infraestruturas.

  Destacan os incrementos porcentuais das partidas de sociedade da información e normalización lingüística -influída por programas como "O teu Xacobeo"- mentres o avance de sanidade e educación é inferior ao aumento global do orzamento

 Os fondos para desenvolvemento empresarial (que inclúen axudas pola pandemia), a partida de sociedade da información (da que sae, por exemplo, o forte incremento de fondos para a adquisición de material informático, de 40 a máis de 90 millóns) tamén soben nun Orzamento no que tamén destaca a suba porcentual da partida de normalización lingüística. Neste caso, boa parte do incremento dos fondos para o fomento da lingua galega, que chegan a rozar os 13 millóns, está vinculado aos programas de "reactivación cultural" como O teu Xacobeo, cunha partida nova de máis de 3 millóns. A maior caída relativa, alén da partida que financia eleccións -en 2021 non está previsto ningún proceso electoral- destacan tamén as partidas destinadas aos concellos.

  Do punto de vista porcentual, tanto sanidade como educación avanzan a respecto dos Orzamentos Xerais aprobados para 2020, aínda que en ambos casos por baixo do 14% que aumenta o conxunto das contas. Os fondos sanitarios aumentan arredor dun 7% e os educativos en torno a un 6%. Si está por riba do incremento global o que aumenta a principal partida de política social, a de acción social (que financia, por exemplo, actuacións en materia de dependencia), cun 15% máis.

  En comparación co ano 2009, cando o Goberno de PSdeG e BNG aprobou os que serían os seus derradeiros orzamentos, son máis as partidas que continúan porcentualmente por baixo (e sen ter en conta o efecto da inflación). Neste caso, os fondos de transferencias para os concellos seguen sendo os máis prexudicados, cun 87% menos que daquela. A continuación -excluíndo os fondos para eleccións, toda vez que aquel ano tamén era electoral- destaca a ordenación do territorio (-67%), a vivenda (-59%), as infraestruturas (-44%) e tamén a normalización lingüística, que malia ao forte incremento previsto para 2021 segue un 40% por baixo do previsto naquelas contas de socialistas e nacionalistas.

  Sanidade, educación e débeda absorben case 7 de cada 10 euros

  Como vén sendo habitual nos últimos anos, as partidas máis cuantiosas dos Orzamentos Xerais da Xunta son tres: sanidade, educación e amortización e gastos da débeda pública. O 2021 non será unha excepción, alén dos incrementos. Así, os 4.378 millóns previstos para gasto sanitario, os 2.621 dos fondos de educación e os 1.671 de amortizacións e xuros da débeda son as tres principais partidas que, no seu conxunto, supoñen un 66% do total do orzamento. No gráfico baixo estas liñas podes consultar, con máis detalle, as contías previstas para cada programa orzamentario.

  Derivado de Praza. E-distrito

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados