E-distrito

Noticias

As vacinas de Pfizer e Moderna contra a COVID, entre a esperanza e a cautela.

As vacinas de Pfizer e Moderna contra a COVID, entre a esperanza e a cautela.

  Os anuncios de Pfizer e Moderna foron recibidos con alegría por parte da comunidade científica, pero tamén cunha certa dose de cautela polo que se descoñece sobre estes proxectos

  19 novembro 2020

  Nos últimos días tivemos noticias sobre os avances das vacinas contra a Covid-19 desenvolvidas polas compañías estadounidenses Pfizer e Moderna e tamén sobre o proxecto ruso Sputnik V. Todas elas afirman ter unha eficacia moi elevada (superior ao 90%), o que espertou unha onda de esperanza en que o control da pandemia podería estar un pouco máis preto. Os anuncios provocaron tamén un aumento moi importante no valor en bolsa das accións de Pfizer e Moderna e tamén nos doutras empresas (nomeadamente as relacionadas co turismo ou compañías aéreas), ante a posibilidade dun rápido regreso á "normalidade".

  O Goberno español, que asinou acordos de compra con estas e outras compañías que están a desenvolver vacinas (como AstraZeneca), confía en que as primeiras doses cheguen a comezos do ano 2021, para vacinar a colectivos de risco ou ao persoal sanitario, e que ao longo do vindeiro ano o conxunto da poboación poida estar vacinada.

  Os anuncios de Pfizer e Moderna foron recibidos con alegría por parte da comunidade científica, pero tamén cunha certa dose de cautela, pois é aínda moito o que se descoñece sobre estes proxectos. En primeiro lugar, porque o único que sabemos procede das breves comunicacións difundidas aos medios de comunicación polas propias empresas, que aínda non publicaron os resultados dos seus ensaios clínicos nunha revista científica (nin sequera a través dun artigo preliminar) para que os datos obtidos poidan ser analizados pola comunidade.

  Que significa unha eficacia por riba do 90%?

  Boa parte da alegría que amosaron gobernos, bolsas, empresas e medios de comunicación nos últimos días estaba baseado unicamente na difusión dunha cifra, unha porcentaxe. Pfizer afirmou que a súa vacina ten unha eficacia do 90%. A rusa Sputnik, un 92%. Uns días máis tarde Moderna elevou o listón ata o 94%. Que significa isto? A eficacia da vacina calcúlase contabilizando os casos de coronavirus que se rexistraron entre as persoas participantes no estudo e observando cantos se produciron entre as persoas que recibiran a vacina e cantos entre o grupo de recibira un placebo. A maior parte dos casos de Covid-19 déronse entre aquelas persoas ás que só se lles administrara este placebo, o que viría a demostrar as bondades inmunizadoras do produto real.

  "Os datos que coñecemos non son suficientes para afirmar que existe un determinado grao de eficacia. Hai que agardar a que acabe a fase clínica, que publiquen os datos e que a xente os revise", alerta

  Isto é, dende logo, unha boa nova. De confirmarse unha eficacia próxima ao 90% estaríamos a falar dunha vacina moi efectiva (a da gripe, pola mutación anual deste virus, móvese entre o 40% e o 60% e a do sarampelo chega ao 97%). Porén, son aínda demasiadas as incógnitas, como explica o profesor da USC José Martínez Costas, que no grupo de investigación que dirixe no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Compostela está tamén a traballar dende hai meses no desenvolvemento dunha vacina contra o coronavirus.

  Ignórase igualmente se as vacinas impedirían só a aparición dos síntomas e efectos máis graves da enfermidade ou se tamén impedirían a súa transmisión.

  "Os resultados son prematuros e non se pode afirmar con rotundidade o que afirmaron. Os datos que coñecemos non son suficientes para afirmar que existe un determinado grao de eficacia. Hai que agardar a que acabe a fase clínica, que publiquen os datos e que a xente os revise", alerta. "Todo o mundo dá por boa unha porcentaxe de eficacia que aínda está por ver que vaia ser. Non digo que vaia ser peor, pode que a eficacia final sexa maior, pero non sabemos nada de nada de nada. Faltan moitísima información, moitos datos: por exemplo a distribución por idades, as persoas con patoloxías máis graves, saber se están tendo en conta ás persoas asintomáticas...", sinala.

  "O positivo é que as vacinas parecen estar funcionando en humanos, que é algo que ata agora non se probara, e iso xera unha esperanza: que as vacinas van funcionar"

  Unha das grandes incógnitas neste momento é que esta suposta eficacia está tendo en conta unicamente a protección que estas vacinas xerarían fronte á Covid-19 con síntomas, ou se tamén está tendo en conta aos casos asintomáticos. Ignórase igualmente se as vacinas impedirían só a aparición dos síntomas e efectos máis graves da enfermidade ou se tamén impedirían a súa transmisión. Tampouco se coñecen, porque non houbo aínda tempo para comprobalo, o tempo que dura a protección proporcionada por estas vacinas. E, polo mesmo motivo, ignórase a posibilidade de aparición de efectos secundarios a medio ou longo prazo.

  Martínez Costas ve, en todo caso, aspectos positivos nos anuncios realizados por Pfizer e Moderna: "Se se atreven a dicir isto é porque os seus datos son positivos, e iso é bo, evidentemente. O positivo é tamén que as vacinas parecen estar funcionando en humanos, que é algo que ata agora non se probara, e iso xera unha esperanza: que as vacinas van funcionar".

  Como foi posible desenvolver tan rapidamente estas vacinas?

  O desenvolvemento dunha vacina adoita ser un proceso moi longo, que pode levar anos de deseños e ensaios ata a súa aprobación polas autoridades correspondentes. No caso das vacinas do coronavirus, xa na súa fase final e coa expectativa de ser aprobadas e fabricadas en masa nos vindeiros meses a velocidade foi moito maior. Como foi posible? "No caso das vacinas de Pfizer e Moderna unha das claves foi o feito de aproveitar o traballo realizado na investigación doutras vacinas, especialmente as que hai uns anos buscaban un remedio contra o SARS-CoV-1. A xente pode ir tan rápido porque se fixeron moitísimas cousas antes. Se non, sería imposible", explica José Martínez Costas, que salienta igualmente que nas vacinas de ARN mensaxeiro, coma estas dúas, "o sistema de produción é rapidísimo".

  Houbo, ademais, cambios con respecto a outros procesos, permitindo levar a cabo varias fases do proceso de ensaios clínicos e preclínicos case en paralelo, sen agardar á finalización dos pasos anteriores. Tamén se acelerará o proceso de aprobación por parte das axencias estatais que deben dar o seu visto bo. Porén, salienta Martínez Costas, o que fixo a maior diferenza e permitiu acelerar máis o proceso de desenvolvemento destas vacinas foi a gran dispoñibilidade de recursos económicos. Os cartos. "Cando queres levar unha vacina ao mercado tes que asegurarte moitísimo, en cada etapa, de que a cousa vai moi ben, para estar completamente certo de que ao final vai compensar todo o esforzo económico realizado. Esa é unha das razóns polas que as fases son moi longas", destaca. 

  O que fixo a maior diferenza e permitiu acelerar máis o proceso de desenvolvemento destas vacinas foi a gran dispoñibilidade de recursos económicos. Os cartos

  "Hai primeiro unha optimización da fase de deseño e tamén se realizan ensaios preclínicos moi extensos, por exemplo en ratos, para comparar distintas modalidades para atopar a máis eficiente e estar seguro de que non se vai errar. Toda esta fase pode levar mesmo dous ou catro anos. En cambio, nestas dúas vacinas o que se fixo foi disparar a tiro fixo cara á proteína S", explica. "Por último" -engade- "a fase clínica 3 é moi caro, nela tes milleiros de persoas ás que tes que monitorizar. Por iso, para chegar a esa fase 3 tes que estar moi seguro de que a vacina que estás desenvolvendo vai ter éxito. E aquí en cambio o diñeiro daba igual. O que contaba era chegar a unha vacina segura e eficaz rapidamente, ao custo que fose", di.

  Iso si, Martínez Costas aclara que a pesar da aceleración no proceso, se finalmente as axencias estatais encargadas de aprobar as vacinas lles dan o seu visto bo, a poboación pode ter a tranquilidade de que estas son seguras. "A vacina segue os protocolos necesarios. O que finalmente se lle vai administrar á xente ten que pasar polas axencias reguladoras, que deben dar o seu visto bo. Se algo se vai administrar en Europa, ten que pasar polas axencias europeas, que merecen o noso crédito", explica. 

  A pesar da aceleración no proceso, se finalmente as axencias estatais encargadas de aprobar as vacinas lles dan o seu visto bo, a poboación pode ter a tranquilidade de que estas son seguras

  E máis aínda, engade, con estas vacinas, que estiveron sometidas a un escrutinio permanente por parte dos medios de comunicación, que mesmo recolleron problemas xurdidos na fase de estudos clínicos, algo que non sucede habitualmente no proceso de investigación dunha vacina. Simplemente puntualiza que "precisamente porque non houbo tempo para facelo, non se van poder comprobar moi ben os efectos da vacina a longo prazo, pero este son en calquera caso os menos predicibles".

  A importancia de seguir investigando

  José Martínez Costas dirixe unha das moitas investigacións que en todo o planeta seguen avanzando no desenvolvemento de vacinas contra o coronavirus. O equipo galego traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolvida no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo e que permite producir vacinas contra calquera patóxeno. "Descubrimos unha proteína que fai unhas inclusións ordenadas dentro da célula e modificámola para que faga esferas, esferas proteicas. Deste xeito, agora podemos facer que se produzan estas esferas dentro de calquera célula e tamén podemos facer que a propia célula meta dentro destas esferas calquera proteína que a nós nos interese. E neste caso ímolas cargar con epítopos de coronavirus", explicaba hai uns meses.

  Independentemente da maior ou menor eficacia das vacinas que xa foron avanzando algúns resultados e que, previsiblemente, se comezarán a distribuír nos vindeiros meses, a investigación doutras ferramentas contra a Covid-19 debe continuar. En primeiro lugar, destaca, para afianzar os avances da ciencia para dar resposta a este ou outros virus futuros. Especialmente no caso da investigación que se leva a cabo dende a USC, que está a desenvolver unha metodoloxía novidosa, que pode ser moi útil para moitos obxectivos distintos. A ciencia avanza sempre a ombros de xigantes, asentada sobre o progreso no coñecemento acadado anteriormente.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados