Tras o vídeo difundido en maio no Macizo Central ourensán, estas novas imaxes confirman a progresiva recuperación da especie en Galicia
16 novembro 2020
Unha nova gravación por vídeo-trampeo permitiu constatar a recuperación do oso pardo (Ursus arctos) nos montes galegos. As novas imaxes foron difundidas pola conta Lobos de Galicia, que datan o vídeo no pasado mes de outubro de 2020 nun punto xeográfico que prefiren non identificar para salvagardar a integridade destes animais.
Nos últimos anos, a recuperación do oso pardo en Galicia é unha realidade, cunha especie con presenza estable nas montañas de Lugo e mesmo Ourense. Os novos rexistros da especie, no parque natural do Invernadeiro e na fronteira entre Galicia, Castela e Portugal, apuntan a que o leste de Galicia xogará un papel clave para a recuperación dun espazo arrebatado ao úrsido no último século e medio.
A difusión nesta primavera das imaxes gravadas polas cámaras de fototrampeo instaladas para a película Montaña ou Morte, producida por Zeitun Films e dirixida polo cineasta Pela del Álamo, constataron que o animal se vai asentando nun punto clave para a súa expansión. O Invernadeiro é un dos lugares ao que Del Álamo e o seu equipo acudiron para mergullarse na idea que queren transmitir coa obra, actualmente en fase de de desenvolvemento: a relación, ás veces violenta, entre o home e a natureza e o salvaxe. “Ademais dos valores medioambientais, a nós interésanos reflexionar sobre os valores da imaxe contemporánea. As cámaras de fototrampeo permiten filmar sen filmar. Estar sen estar. Ver o que ocorre cando o ser humano non está. Tratase de levar os preceptos do fly on the wall de Frederick Wiseman a un seguinte nivel. E para nós a vida salvaxe é o contexto ideal para situar estas reflexións. A nosa presenza sempre influe no que gravamos, e por iso son interesantes estas cámaras”, explica o cineasta.
O Invernadeiro, un parque natural de máis de 5.700 hectáreas no Macizo Central ourensán con acceso restrinxido aos visitantes, foi un lugar acaído para recrear a mensaxe do filme de Zeitun Films. Para colocar estas cámaras, o equipo contou coa colaboración dos axentes ambientais da Xunta de Galicia no parque, grandes coñecedores da zona. Segundo salientan Pela del Álamo e Felipe Lage, produtor de Montaña ou Morte, as imaxes son a primeira testemuña gráfica na comarca nos últimos 150 anos.
Tal e como aconteceu coas anteriores incursións, o exemplar do Invernadeiro é un macho novo, de entre 3 e 5 anos (adoitan vivir sobre 30). Fernando Ballesteros, un dos responsables do proxecto Life Oso Courel, amósase esperanzado diante das últimas novas sobre a especie. Desde a primavera de 2019, ademais do achado do oso coñecido a pasada semana, constatouse a súa volta a Portugal despois de 180 anos, obtivéronse novas evidencias de presenza estable na serra do Courel e avistouse un exemplar nos Ancares a finais de marzo. “Xa tiñamos datos anteriores da presencia de osos no Invernadeiro, sobre todo a través de excrementos, aínda que non puidemos extraer o ADN para facer un perfil do individuo”, explica Ballesteros. Ademais, os ataques a algúns apiarios dan conta de que o animal, cunha gran capacidade de desprazamento, se move polas montañas de Valdeorras e Trevinca, Sanabria ou O Bierzo ata o Parque Natural de Montesinho, xa en Portugal.
Esta localización súmase á coñecida no Courel: o 23 de abril, a Fundación Oso Pardo difundiu un vídeo no que unha cámara automática recolleu imaxes de dous exemplares distintos no mesmo lugar. Como explica a Fundación, a gravación constata a capacidade destes animais para comunicarse a través do olor.
Derivado de GCiencia