E-distrito

Noticias

A escaseza de enfermeiras obriga o Sergas a denegar descansos e recorrer a estudantado nos cribados masivos

A escaseza de enfermeiras obriga o Sergas a denegar descansos e recorrer a estudantado nos cribados masivos

  A falta de persoal para cubrir ausencias "leva ocorrendo desde que empezou a pandemia", aseguran traballadores de enfermería do Sergas

  02 novembro 2020

  O impacto do coronavirus, a campaña de vacinación e a marcha de profesionais que optan por ofertas doutras comunidades máis estables provoca que o Sergas estea a quedar sen enfermeiras das que tirar nas súas listas de contratación para cubrir baixas ou reforzar o persoal nestes tempos de loita contra a covid-19. 

  A escaseza estrutural de persoal fixo volve evidenciarse nesta altura, momento no que o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén de decretar que se suspendan temporalmente os permisos de persoal de enfermería e auxiliares. Ao igual que o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que desde este 1 de novembro non concederá tampouco permisos por días de libre disposición, nin por exceso de xornada, nin vacacións adicionais. 

  Fano, ambas áreas sanitarias, por falta de persoal nas listas de contratación e pola necesidade de garantir a asistencia sanitaria dos pacientes. "Non suspenderon os permisos concedidos, pero si que non permiten solicitar novos", confirman traballadores de enfermaría no CHUAC, que advirten de que a falta de traballadores para cubrir ausencias "leva ocorrendo desde que empezou a pandemia". 

  A denuncia xorde dos sindicatos e desde Eventuais en Loita. Desde hai máis dun ano, este colectivo converteuse nun dos máis combativos contra o Sergas. En representación dunhas 7.000 enfermeiras con vinculación temporal co Sergas, e con milleiros de profesionais mobilizados, as protestas contra a súa precariedade, contra a política de contratación sanitaria da Xunta ou contra a falta de recursos sacaron á luz unha realidade moitas veces agochada. Aquela masiva e inédita protesta nas oposicións celebradas en Silleda prendeu a mecha desta iniciativa.

  Precisamente, a convocatoria daquelas probas en maio de 2019 evidenciaron os problemas da Xunta para cubrir baixas de enfermaría. Daquela, o elevado número de asistentes ao exame provocara que a Consellería se atopase con moitas dificultades para conseguir persoal que substituíra os aspirantes que se examinaban, o que levou o Sergas a ter que ofrecer aos traballadores estables a realización dunha xornada voluntaria nese día con retribucións que case dobraban as habituais dun festivo. 

  Os últimos cribados masivos nas farmacias de varios concellos de Ourense e nas tres universidades galegas volveron poñer en evidencia os problemas pola falta de profesionais. Desta vez, entre críticas do Consello Galego de Colexios Médicos, de sindicatos e de enfermeiras, a Xunta optou por tirar de estudantes de enfermaría dos últimos cursos para levar a cabo os tests. 

  Aínda que desde as universidades intentaron contratar enfermeiros e enfermeiras tituladas para coordinar a realización destas probas masivas, fontes das institucións académicas recoñeceron as súas "dificultades" para atopalas, chegando --como no caso da Universidade de Vigo-- a pedir axuda ao colexio provincial, que publicou un anuncio reclamando traballadores.  

  Ao problema que agudiza a demanda de profesionais que supón a pandemia e a campaña de vacinación da gripe úneselle a marcha de enfermeiras que optan por aceptar contratos que ofrecen outras comunidades autónomas, con moita maior estabilidade. Xa no inicio das peores datas na loita contra o coronavirus, as críticas chegaron logo de que o Sergas decidise rescindir contratos prorrogados a enfermeiras para recuar tras facerse público. Tamén recuara Sanidade logo de que non renovara o contrato a persoal temporal contaxiado, que perdía un 25% de remuneración.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados