Tras o nacemento de Novacaixagalicia, a mediados de 2011, e logo da inxección de varios miles de millóns de euros polas novas esixencias da lexislación estatal, a entidade viuse empurrada a transferir o seu negocio bancario a unha entidade de nova creación, Novagalicia Banco, a mesma que será definitivamente rescatada polo Estado a finais de ano con outros 2.465 millóns.
O novo banco pasaba a ser público pero non por moito tempo. Un ano despois, o Estado culminou a súa venda por uns 1.000 millóns de euros ao grupo venezolano Banesco. Cos restos das caixas, Banesco creou Abanca, entidade que a comezos deste ano xa sumara en beneficios máis do triplo do que lle custara mercar Novagalicia Banco.
Polo camiño quedaron máis de 9.000 millóns de euros públicos -segundo cálculos efectuados polo Banco de España en 2019.
- Pescanova.
No se puede esperar más. O 22 de febreiro de 2009, a unha semana das eleccións galegas, o daquela presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, publicaba un artigo de opinión no xornal La Voz de Galicia no que avogaba abertamente por un cambio de Goberno na Xunta. "Es necesario un cambio urgente", clamaba, para suprimir "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas" que, laiábase, padecían empresarios coma el. Cando escribía estas palabras, segundo a Audiencia Nacional, xa tiña en marcha a estrutura para falsificar as contas da empresa pola que vén de ser condenado a oito anos de prisión.
Naquel texto, quen naquela altura era padroeiro da fundación do editor do devandito xornal viña atribuír o Executivo de PSdeG e BNG "falta de capacidad o de conocimiento" e "distracciones" que puñan en risco as "cotas de producción que Galicia se ha venido labrando con esfuerzo y tesón". Ou se producía o "cambio" polo que clamaba, ou "continuaremos con la destrucción del empleo y ello podría ser el fin de Galicia; la vuelta a la emigración", alertaba.
De Sousa tomaba así partido evidente polo retorno do PP ao Goberno galego despois dunha lexislatura de aberto enfrontamento co Executivo de socialistas e nacionalistas.
Hoxe.
"Métodos de financiamento amparándose en relacións comerciais ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais", compras e vendas que nunca existiron e contas falseadas. É o mosaico de irregularidades que a sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional vén de trazar ao longo dos máis de 600 folios que compoñen a sentenza na que condenan por falsear as contas de Pescanova a unha ducia de persoas. Encabézaas quen fora presidente da compañía, Manuel Fernández de Sousa, a quen impón unha condena de 8 anos de prisión.
A sentenza, contra a que cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo, sitúa a Fernández de Sousa na cúspide dunha trama que, a partir da crise financeira de 2008, "planeou seguir obtendo financiamento bancario" mediante "prácticas irregulares" que a continuación complementaban co falseamento das contas. Así, durante anos, Pescanova lucía "resultados positivos que non se correspondían coa situación real", pero que lle permitiron captar "novos investidores".
Os maxistrados relatan os feitos polos que son condenados os ex-directivos de Pescanova agrupándoos en tres fases. A primeira é a da "creación de formas ilegais de financiamento" e a simulación de operacións comerciais xa fose con filiais da compañía ou mesmo con "empresas ficticias", unha rede de "sociedades instrumentais" coas que "simulaban operacións de compravenda de peixe". Nese punto, sentencian, incorreron en falsidade de documento mercantil.
A "segunda fase" foi a de lograr o financiamento bancario que derivou en estafa. "Os enganados (...) eran os bancos e o mecanismo do engano foron as facturas", resume a Audiencia Nacional. A dirección de Fernández de Sousa facía ver que esas "remesas de facturas" estaban "vinculadas a uns inexistentes contratos de compravenda de peixe".
Unha imaxe das contas "moi distinta á real"
É aquí onde os maxistrados sinalan a "terceira fase" da trama, con "dúas partes". Unha delas, detallan, consistía en "trasladar ás contas anuais e outros documentos" unha "imaxe con beneficios e pouca débeda financeira" que en realidade era "moi distinta á real". Esa imaxe de falsa bonanza económica "transmitiuse perfectamente ao público en xeral e aos investidores en particular".
"Unha vez conseguida esa boa imaxe -abondan- tratábase de captar investidores que lles permitisen unha situación financeira máis relaxada que a propia do financiamento bancario". Para a Audiencia, ese procedemento non é máis ca unha mestura do delito de falseamento de contas anuais co de falseamento de información económica e financeira. Todo, segundo a sentenza, sucedía "con coñecemento do auditor interno" e sen "adecuado control do auditor externo", que traballaba para a empresa BDO Auditores, que "non puxo obxección ningunha á formulación das contas" antes de seren remitidas coas cifras falseadas á Comisión Nacional do Mercado de Valores. BDO anunciou este propio martes a súa intención de recorrer a sentenza, subliñando que "fomos enganados e vítimas do entramado e fraude organizado pola dirección de Pescanova".
No caso de Fernández de Sousa, a Audiencia engade a todos estes delitos o de alzamento de bens porque xunto á súa muller, Rosario Andrade, "sacou 4 millóns e medio de euros das contas de España" e trasladáronas a dous bancos portugueses unha vez que empezou a transcender que as contas de Pescanova eran falsas. Acto seguido, asegura a sentenza, procuraron enviar os cartos a Hong Kong.
As condenas
A amplísima sentenza, que vén culminar unha causa de máis de 80.000 folios, deriva así en sete absolucións e 12 condenas que, non obstante, advirte a propia Audiencia, son "sensiblemente inferiores ás solicitadas polas acusacións". A razón é que o tribunal entende que "os delitos de falsidade en documento mercantil, estafa, falseamento de contas anuais e falseamento de información económica e financeira" foron cometidos "en concurso medial", isto é, un delito é preciso para cometer outro, e "non poden ser penados de maneira independente".
O principal condenado é Fernández de Sousa, a quen a Audiencia atribúe delitos de falsidade en documento mercantil cometido por particulares, estafa agravada, falseamento de contas anuais, falseamento de información económica e financeira e alzamento de bens. Outros directivos reciben condenas que oscilan entre os 6 meses e os 3 anos de cadea. O tribunal desbota, ademais, que os condenados padecesen dilacións indebidas no proceso.
Derivado de Praza.