O terreo é un dos poucos espazos amplos libres de cemento que quedan no espazo urbanizado da Coruña, unha cidade cunha elevada densidade de poboación e con escaseza de parques. A chegada da pandemia fixo agromar aínda máis esta necesidade de áreas abertas e libres de coches e vivendas. Foi precisamente nesta zona, no paseo marítimo e a tan só uns metros do futuro polígono de vivendas, onde o Concello decidiu hai tan só uns meses prescindir dun carril de coches para incorporar un carril bici, así como ampliar temporalmente o espazo peonil para facilitar a distancia social e os paseos da cidadanía.
A asociación veciñal pide unha zona verde e alega contra o proxecto, que cren doutra época polo impacto medioambiental, paisaxístico ou sobre a mobilidade
Agora, a asociación de veciños advirte da “incongruencia” de apostar por menos coches, máis parques e máis áreas peonís ao tempo que se dá o visto e prace ao proxecto que, din, supón “unha contradición coas estratexias de sustentabilidade e ante o cambio climático”. Un plan que, avisan, cambiará para sempre a fisionomía dun barrio “aberto ao mar”, como reclaman que continúe xa algunhas pancartas en Labañou.
Para conseguilo, a entidade presentará ante a Consellería de Medio Ambiente as alegacións contra un proxecto iniciado hai xa anos, promovido por Metrovacesa e que conta co aval do Concello da Coruña, que volveu ratificar esta semana a súa viabilidade e idoneidade. É, para a veciñanza mobilizada, así como para Marea e BNG, a volta ao “urbanismo rancio” de executivos pasados. Porque hai case vinte anos que se pensou a urbanización deste amplo campón con inmellorables vistas.
O goberno local defende que “case a metade da superficie do proxecto das Percebeiras estará reservada a zonas verdes” pero a entidade veciñal responde asegurando que as cifras feitas públicas “non se axustan aos datos que figuran na documentación en trámite do plan”. “O goberno local computa como zonas verdes superficies que non o son e omite datos esenciais”, di a asociación, que reduce duns 22.000 metros cadrados a pouco máis de 8.000 a superficie de zona verde.
O Concello defende o proxecto e di que "case a metade" da superficie serán zonas verdes, unhas cifras que nega a asociación veciñal