E-distrito

Noticias

Xunta e o PP multiplican actos sobre ocupación de vivendas mentres tribunais e policía desmenten a alarma

Xunta e o PP multiplican actos sobre ocupación de vivendas mentres tribunais e policía desmenten a alarma

  A ocupación ilegal de vivendas cuxos propietarios son persoas físicas ou entidades sen ánimo de lucro descendeu respecto ao ano anterior

  01 outubro 2020

  Desde o partido e desde as institucións, o PP galego está a desenvolver unha ampla campaña contra as ocupacións de vivendas coa que en última instancia transmite que o Goberno central permite ese tipo de actuacións, xa castigadas no Código Penal, ao non aceptar a súa proposta de endurecelo. Unha multiplicación de actos, unha decena nas dúas últimas semanas, que intenta centrar a axenda política nunha suposta “alarma” que é desmentida con datos polos tribunais e a policía. 

  A pasada semana o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, chegaba a dicir que “a alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas″ aséntase nunha situación ″paradoxal″ porque ″parece non estar avalada polas cifras″. De feito, no segundo trimestre do ano as demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social foron 27, fronte ás 32 do ano anterior, e se na primeira metade do ano foron 51, no mesmo período de 2019 foran 65.

  Cifras similares tiradas da policía foron as que ofreceu este luns o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen indicou que en 2019 foron 129 as infraccións penais por ocupación coñecidas en Galicia, “só o 0,16% do total de infraccións penais coñecidas en Galicia”. “Os datos non amosan unha situación alarmante”, concluía.

  Fronte a esta situación, este martes a conselleira con competencias en materia de Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na focalización da súa axenda oficial nesa cuestión reuníndose con representantes dunha empresa especializada en xestionar alugueiros e que entre outros servizos ofrece unha catalogación de inquilinos segundo o risco que poidan ter de morosidade. Vázquez reiterou as peticións da Xunta ao Goberno central para que reforce as medidas penais co obxectivo de que sirva “para disuadir do delito e eliminar a sensación de impunidade entre os veciños”.

  O acto deste martes é o cuarto da conselleira en materia de ocupacións ao que a Xunta dá publicidade durante as dúas últimas semanas. Primeiro comezou enviando unha carta ao delegado do Goberno reclamando máis actuacións na materia, o 21 de setembro reuniuse con representantes de asociacións de veciños asegurando que o problema se agudizara nos últimos meses. E este luns a Xunta emitía unha nota de prensa na que Vázquez se lamentaba da falta de resposta do delegado do Goberno á súa carta de dez días antes. 

  Ese lamento do luns pola falta de resposta á carta da conselleira non foi o único, porque o martes o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, emitía outra nota de prensa criticando o mesmo silencio por parte de Losada.

  O PP está a impulsar mocións fronte a ocupación desde os concellos, mesmo en vilas pequenas sen presións sobre o mercado de vivendas

  Unha nota que evidencia a estratexia de multiplicación das críticas ao Goberno central polas ocupacións, que contempla tamén actuacións municipais como a recollida de sinaturas contra a ocupación de vivendas que ten en marcha o PP da Coruña ou a presentación en concellos de toda Galicia, mesmo en vilas pequenas sen presións sobre o mercado de vivendas, de mocións nos plenos municipais, impulsadas desde o propio goberno local alí onde está en mans do PP, nas que se reclaman actuacións por parte do Executivo de Pedro Sánchez. Ao tempo, no Parlamento de Galicia o pasado venres o PP reclamaba á Valedora do Pobo que elabore un informe específico sobre o fenómeno da ocupación en Galicia.

  O senador ferrolán Juan Juncal instou a endurecer o Código Penal nun acto no que admitiu que a ocupación non é un problema en Ferrol

  A esas actuacións desde a Xunta, os concellos ou o partido a nivel galego ou local hai que engadir a presentación o pasado venres en Ferrol por parte do senador e ex-rexedor popular da cidade Juan Juncal, acompañado pola tamén senadora pola Coruña Verónica Casal, dunha proposición de lei coa que insta unha reforma lexislativa do Código Penal. Un acto no que, segundo recolle a Cadena Ser, o propio Juncal admitía que o fenómeno non supón un problema na cidade de Ferrol. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados