E-distrito

Noticias

O Parlamento leva nove meses sen aprobar unha lei, o período máis longo desde 1986

O Parlamento leva nove meses sen aprobar unha lei, o período máis longo desde 1986

  A situación é agravada pola pasada lexislatura que foi a de menor produción da historia da autonomía. Segue pendente a lei de impulso demográfico, principal aposta declarada por Feijóo en 2016.

  28 setembro 2020

  O 23 de decembro do pasado ano o Parlamento de Galicia aprobaba a Lei de Orzamentos para 2020, a lei de acompañamento da mesma coa que se modificaron unha trintena de normas previas e unha lei de aproveitamento lúdico das augas termais. Desde aquelas tres votacións, hai agora nove meses, a Cámara non volveu aprobar unha soa lei, o que supón o segundo período máis longo sen novidades lexislativas da historia da autonomía, tras o ano sen novas leis que se rexistrou en 1986 entre o final da primeira lexislatura e o comezo da segunda, coa crise do goberno de Albor.

  É habitual que entre o remate dunha lexislatura, coa disolución do Parlamento por parte do presidente da Xunta para convocar novas eleccións, e o comezo efectivo da actividade na seguinte pasen varios meses sen actividade lexislativa. Desta vola o aprazamento polo coronavirus das eleccións galegas e polo tanto da constitución dunha nova Cámara fixo que pasasen máis de sete meses desde a disolución do Parlamento o pasado 10 de febreiro ata a reactivación da súa actividade habitual, coa celebración estes martes e mércores do seu primeiro pleno ordinario. 

  Pero antes da disolución xa pasara mes e medio desde que a Cámara aprobara o 23 de decembro as últimas leis. E aínda pasarán cando menos varias semanas ata que se volva aprobar algunha, despois de que o Consello da Xunta da pasada semana decidise volver a remitir ao Parlamento tres textos que quedaran a medio tramitar na pasada lexislatura, as leis de impulso demográfico, ordenación do territorio e pesca fluvial, coa posibilidade de que se poida impulsar algunha outra derivada dalgunha urxencia. O impulso demográfico, de feito, era a gran prioridade declarada de Feijóo durante a pasada lexislatura, pero a norma non foi aprobada en catro anos malia a maioría absoluta con que contaba o PP.

  O ano e seis días da maior parálise lexislativa da historia da autonomía coincidiu coa crise do Goberno de Albor ao comezo do seu segundo mandato

  O único período máis longo sen novas leis na historia da autonomía, de un ano e seis días, rexistrouse entre o 23 de outubro de 1985, cando ao remate da primeira lexislatura se aprobaron a lei de ordenación marisqueira e a lei reguladora dos xogos e apostas de Galicia (que acabaría derivando na condena por prevaricación do daquela vicepresidente José Luis Barreiro Rivas), e o 29 de outubro de 1986, cando a primeira lei aprobada da segunda lexislatura foi a de orzamentos para ese mesmo ano, que chegaba así con case dez meses de atraso a respecto do inicio do exercicio e un tempo similar de demora a respecto da constitución do Parlamento o 17 de decembro anterior. A crise política existente naquel comezo da II Lexislatura quedaría en evidencia xusto tras a aprobación daqueles orzamentos, cando a continuación dimitiría Barreiro Rivas para, un ano máis tarde, apoiar a moción de censura que apartaría a Albor da presidencia substituído polo socialista Fernando González Laxe.

  Por detrás do parón de 1986 e do actual, o seguinte, de algo menos de nove meses, durante a pasada lexislatura, en 2018, ano no que o PP só foi quen de aprobar tres leis

  Por detrás do actual parón e do maior rexistrado en 1986, o seguinte produciuse na pasada lexislatura, entre o 2 de abril de 2018, cando se aprobou a norma que modificou a lei de saúde, e o 26 de decembro, coa votación dos orzamentos do ano seguinte. Foron nove meses menos unha semana sen novas leis que se rexistraron no ano con menor produción lexislativa da historia de Galicia (tres leis) salvo o primeiro da autonomía, 1982 (dúas leis). Un ano 2018 que á súa vez forma parte da lexislatura con menos leis da historia, 22, moi por detrás da V lexislatura, a terceira de Fraga, con 32.

  Das 59 normas previas modificadas na pasada lexislatura a través das leis de acompañamento, 33 foran impulsadas orixinalmente por gobernos do propio Feijóo desde 2009

  Por outra banda, durante a última década os gobernos de Feijóo e o seu grupo parlamentario con maioría absoluta impulsaron a aprobación dun total de 127 leis, pero parte delas supuxeron rectificacións sucesivas de leis previas elaboradas polos propios populares desde 2009. Paradigmático é o caso da Lei do Solo e outras normas referentes á ordenación territorial, modificadas neste tempo polo menos unha vez ao ano e nalgún caso varias veces. Modificacións sucesivas de leis propias previas que na maioría dos casos non se tramitan por separado, co seu propio debate parlamentario independente, senón a través das coñecidas como leis de acompañamento, normas coas que, aproveitando a tramitación dos orzamentos de cada ano, cóanse modificacións doutras moitas leis que nada teñen que ver coas contas públicas.

  Só na pasada última lexislatura, na que os populares só foron quen de aprobar 22 leis, 18 se non se contan as leis de acompañamento,a Xunta impulsou a través desas últimas a modificación doutras 59 normas distintas, 33 das cales foran impulsadas orixinalmente por gobernos do propio Feijóo desde 2009. 27 desas leis previas foron modificadas en máis dunha ocasión ao longo desta última lexislatura e 5 foron corrixidas a través das leis de acompañamento todos os anos.

  Esa reiteración de correccións, ano tras ano, sufrírona a antedita lei do solo e as de servizos sociais, de comercio interior e de emprego público, ademais da única que polo seu contido tería encaixe no obxectivo tributario co que foron pensadas as leis de acompañamento dos orzamentos: a lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados