A alcaldesa, Inés Rey, presentoulle á veciñanza o deseño da nova rúa, que “volveu a ter nenas e nenos desde que foi peonalizada provisionalmente.
24 setembro 2020
A alcaldesa presentou este martes no Fórum Metropolitano, xunto co edil de Urbanismo, Juan Díaz Villosldada, o proxecto de humanización e urbanización da rúas Alcalde Marchesi e Primavera para as transformar nunha rúa-praza con máis espazo de ocio para a veciñanza, onde convivirán a hostalaría e o comercio con áreas de xogo infantís, espazos de lecer e novo mobiliario urbano. O orzamento do proxecto, obra do estudio Naos Arquitectura, ascende a 975.630 euros. "Esta rúa que volveu a ter nenas e nenos desde a súa peonalización provisional, o que amosa a importancia de lle devolver espazos de calidade á veciñanza".
A alcaldesa adiantou que a segunda fase do proxecto incluirá a rúa Benito Blanco Rajoy, para despois acometer a reforma do tramo que une Alcalde Marchesi coa Gaiteira. Un proxecto de cidade, lembrou, que forma parte da rolda peonil que unirá San Diego coa Agra, coa licitación en breve das obras de Mariscal Pardo de Cela, a peonalización de Alcalde Puga y Parga e seguirá coa construción dun centro para a mocidade no local do Remanso. "Todas servirán para mellorar a calidade de vida da veciñanza", dixo.
No acto, en que estiveron presentes veciñas/os, comerciantes e hostaleiras/os, a alcaldesa agradeceulles a todas e todos a súa a implicación nun proxecto que "o concello quere converter nun referente para a vida en comunidade".
A alcaldesa detallou como a cidade se encontra nun proceso de transformación en que o espazo público volve a ser da cidadanía, coa recuperación de máis de 44.000 m² para a veciñanza. "Unha cidade que aposta polos desprazamentos a pé ou en bicicleta, que pensa en verde e coida a saúde pública", dixo.
Pola súa parte, o edil de Urbanismo agradeceulle á rexedora o seu impulso ás políticas de mobilidade que se están desenvolvendo na cidade. "Unha cidade que quere avanzar e ser competitiva debe adoptar medidas encamiñadas a unha mobilidade sustentable que aposte pola seguridade viaria, os desprazamentos a pé e en bici, e que coide a saúde pública e ambiental", dixo.
Proxecto
Canto ao proxecto, proponse a peonalización do espazo público para rexenerar o tecido urbano, con zonas de esparexemento, paseo e descanso, e potenciando o comercio local mellorando a mobilidade peonil a través da xeración dunha contorna segura para as e os viandantes.
As diferentes superficies e cores intégranse para formaren unha contorna nova e dinámica para os obxectos cotiáns. O desexo de máis natureza cúmprese a través dun aumento significativo da vexetación e das plantas en toda a veciñanza, dispostas como pequenas illas de diversos tipos de árbores, períodos de floración, cores...
Nos puntos de intersección entre as rúas, para fomentar e potenciar a perspectiva, establécense dous elementos verticais que servirán á súa vez como puntos de encontro e que estarán dotados con bases de carga de dispositivos e conexión á internet, polo que recibirá o nome de "árbore tecnolóxica".
Os trazados do pavimento da intervención esténdense por toda a superficie dunha maneira orgánica, de tal modo que se xera unha serie de ensanche da zona exclusivamente peonil onde se establecen usos como zonas de descanso ou zonas de xogos infantís.
Derivado de Concello da Coruña.