E-distrito

Noticias

Docentes e familias inician o curso sumidas na incerteza pola COVID-19

Docentes e familias inician o curso sumidas na incerteza pola COVID-19

  O primeiro día coincide coa folga do ensino para esixir á Xunta que negocie o protocolo da COVID-19 ante a falta de condicións. Está prevista unha nova xornada de folga o día 16.

  10 setembro 2020

  Entre este xoves e venres volven ás escolas 194.221 nenas e nenos de Educación Infantil, Primaria e ensino especial en Galicia, un 1,3% menos que o curso anterior, segundo datos provisionais recompilados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Un departamento que non existe no novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, como anunciou a catro días do inicio das clases, pois volve integrarse coas competencias de Cultura e a recaer no conselleiro Román Rodríguez.

  Para Román Rodríguez o protocolo para o inicio do curso é "un punto de partida" e así llo trasladou este mércores á comunidade educativa na reunión do Consello Escolar de Galicia 

  A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocou este mércores, 24 horas antes do comezo do curso, unha reunión do Consello Escolar de Galicia, órgano de referencia no que está representada toda a comunidade educativa. Nun comunicado, trasladaron que o ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19′ "é un punto de partida inicial" para Román Rodríguez, que ofreceu "aos centros educativos que impartan Bacharelato e Formación Profesional de grao superior optar pola semipresencialidade" durante este curso.

  A semipresencialidade "poderán solicitala os centros que, polo número de ensinanzas que imparten, pola súa alta matrícula ou por razóns arquitectónicas, teñan dificultades para adaptarse ás medidas establecidas" no protocolo da Xunta, unha opción que "deberá ser autorizada pola Inspección educativa". Ademais, Educación anunciou un "Plan de Continxencia para o Ensino Virtual ou semipresencial" que inclúa un "reforzo do equipamento, formación do profesorado e contidos educativos" en caso de gromos. Nunha valoración inicial da xuntanza, Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, sostivo que a Xunta fai unha "volta atrás" e non defende a presencialidade do ensino. A opción de colocar "mamparas" nas aulas cando non se poida cumprir a distancia foi outra das propostas destacadas por Bermello: "todo para que non haxa desdobres".

  A CIG-Ensino levará ao TSXG os servizos mínimos indicados pola Xunta porque din que buscan "boicotear" a folga

  Segue en marcha a convocatoria de folga impulsada polos sindicatos CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF, e apioada polas plataformas de pais e nais Anpas Galegas e Confapa, e polas organizacións do estudantado Erquer e Anega, para este xoves e mais para o vindeiro mércores, día 16. A CIG-Ensino recorrerá os servizos mínimos decretados por Educación perante o TSXG ao considerar que pretenden "boicotear" o dereito á folga. Ademais, este xoves están convocadas concentracións, ás 11:30 horas, diante da sede de Educación en San Caetano e nas delegacións da Xunta en Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo; tamén nos concellos de Ribadeo, Cangas, Verín e o Barco, na xefatura territorial de Educación en Ourense, na praza da Peregrina de Pontevedra e na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa.

″Paciencia e resignación″ é a receita que están a aplicar os docentes galegos. Óscar Engroba, vicedirector do IES da Terra Chá e membro do colectivo Profesorado en Pé, asegura que no protocolo da COVID-19 para este curso da Xunta atopan medidas que están lonxe da realidade das aulas, a pesar das instrucións engadidas que se publicaron o pasado 31 de agosto: ″vemos cousas moi difíciles de aplicar, sobre todo porque estamos falando de persoas, os rapaces non son robots″. ″O ensino non se atendeu co suficiente interese″, apunta Esther Martínez, presidenta da anpa do CEIP de Roxos, en Santiago de Compostela, quen considera que ″con centros ben dotados e con máis profesorado, agora as dificultades serían menores″.

  Tanto o persoal dos centros de ensino como as familias salientan que a seguridade é a súa principal preocupación, como xa o era antes do verán. Con todo, Esther Martínez explica que as familias tamén teñen moita inquietude sobre como vai ser a convivencia dentro das escolas: ″vaise producir un cambio nas relacións entre nenos e nenas. Non sabemos como van vivir iso de non poder tocar a un amigo ou verlle o sorriso ao profesor, como van levar o de facer educación física a distancia e xogar no mesmo espazo sen moverse durante todo un ano″.

  "Vaise producir un cambio nas relacións entre nenos e nenas. Non sabemos como van vivir iso de non poder tocar a un amigo ou verlle o sorriso ao profesor", sinala Esther Martínez

  Son demasiados cambios pola pandemia e, tamén, demasiadas incertezas. Comezando polo máis básico dunha planificación de inicio de curso: o reparto de aulas. ″Aínda non sabemos nin do profesorado do que imos dispoñer este curso″, indica Engroba, ″con sorte nos institutos teremos os horarios o día antes de que comecen os de Bacharelato [o día 16]″. Coas instrucións asinadas entre as comunidades e o Ministerio de Sanidade, a Xunta mudou o seu protocolo e obrigou a ″desdobrar″ os grupos de ESO, Bacharelato e FP cando non se poida cumprir co metro e medio de distancia de seguridade entre o alumando, polo que moitos centros están a avanzar esta semana que haberá clases de tarde durante todo o curso.

  Incrementar o profesorado

  Neste sentido, as demandas de sindicatos, anpas e colectivos de docentes sobre un incremento do profesorado seguen vixentes. O propio presidente da Xunta anunciou o pasado 19 de agosto, tras a reunión do comité clínico creado polo coronavirus, que se contrataría a 240 profesores ″para cumprir o obxectivo″ de ″non superar a ratio máxima″ de alumnado por aula. O Goberno galego tamén fai referencia as contratacións de máis de mil docentes a través do programa ARCO, porén, Óscar Engroba explica que esta iniciativa xa funcionou o curso pasado e ″só permite contratar docentes de apoio que non se poden facer cargo dun grupo″. En definitiva, e coa información actual, a Consellería non contempla máis contratacións por mor da pandemia.

  "Ao mellor é preferible ter menos normas, pero que sexan claras e para todos iguais", salienta Óscar Engroba, de Profesorado en Pé

  ″Houbo unha resposta nefasta da Consellería, chegou tarde e mal. Desde finais do curso pasado houbo tempo para planificar a volta ás aulas, o que non se pode é reaccionar o 31 de agosto″, critica Esther Martínez, tamén vicepresidenta da Federación de Anpas Compostela, integrada en Anpas Galegas. ″A Administración foi un muro contra o que tropezamos para transmitirlle as nosas preguntas, dúbidas e propostas desde que nos confinaron en marzo″, engade.

  ″Non poden cambiarnos as normas sobre a marcha″, indica Engroba, para criticar que a Consellería está a delegar as responsabilidades nos centros: ″Ao mellor é preferible ter menos normas, pero que sexan claras e para todos iguais″. ″O que non pode ser é que teñamos normas completamente interpretables″, di, ″como sucedeu coa avaliación de final do curso pasado, cando deixaron en mans de cada centro a promoción e titulación do alumnado″.

  Novas responsabilidades para os docentes

  Por outra banda, as responsabilidades do equipo COVID de cada centro de ensino aumentan e agora terán que informar a Sanidade dos casos positivos e dos seus contactos estreitos no eido escolar. ″Pídennos que sexamos enfermeiros e rastrexadores″, abunda Engroba, que como membro da dirección pertence a este equipo no IES Terra Chá, en Castro Ribeiras de Lea. Con todas as medidas de seguridade a poñer en funcionamento, este docente calcula que dos 50 minutos por clase van ter ″30 minutos de tempo hábil″ para a programación de cada materia.

  Ademais da parte sanitaria, hai unha nova función de ″control″ do cumprimento das medidas pola pandemia que terá que asumir o profesorado. ″Como van aceptar os pais a expulsións dos seus fillos por un día cando acumulen tres faltas leves por non levar a máscara posta? Como imos facer cando cheguen os exames e os pais chamen ao centro para xustificar a ausencia dos alumnos porque teñen febre? Isto debería estar contemplado no protocolo porque é un problema común″, razoa Engroba.

  Máscaras: peza chave na prevención

  O gasto que suporá para as familias a compra de máscaras de protección para todo o curso é outra das eivas que atopan tanto familias como docentes no plan da Xunta. ″No noso centro estamos pensando en garantir a primeira máscara da mañá, para asegurarnos de que polo menos a primeira que levan no día é nova. Pero supón un gasto importante porque unhas máscaras lavables para os nosos 250 alumnos (e somos un centro pequeno, na cidade hainos de 600 e de mil alumnos) suporían un gasto de entre sete e oito mil euros″, detalla Engroba.

  ″Sendo un elemento imprescindible para que asistan ás aulas tiña que estar dotado pola Xunta″, agrega Martínez. De feito, en concellos como o de Lugo están a repartir máscaras ″para facilitar que todas as familias poidan cumprir coas medidas sanitarias″.″Non é a primeira vez que temos que cubrir desde o Concello as deficiencias de planificación da Xunta″, manifestou o edil de Educación lucense, Felipe Rivas.

  Transporte e comedor

  Esther Martínez salienta que para as asociacións de nais e pais unha das maiores ″incoherencias do protocolo″ da Xunta está no feito de que o transporte escolar para os 86.957 alumnos apuntados manteña o 100% do aforo. ″Os nenos van ir sentados sempre no mesmo sitio pero sen a distancia que cando baixen lles van esixir nas aulas″, critica. 

  O conselleiro avanzou que a Xunta está a traballar nun "procolo específico" para os comedores e que reforzará a "seguridade xurídica" das Anpas que os xestionan

  A distancia tamén resulta unha dificultade nos comedores, con 77.060 usuarios en todo o país, uns xestionados pola Consellería e outros polas Anpas, e nos que estes colectivos son ″responsables de facer un protocolo sanitario e do que alí poida ocorrer″. Sobre isto, o conselleiro de Sanidade comprometeuse este mércores no Consello Escolar de Galicia a incrementar "de forma substancial as contías das axudas" para as Anpas que xestionan comedores e avanzou que a Xunta traballa nun "protocolo específico", que será un "reforzo" da "seguridade xurídica" que Román Rodríguez prometeu a estas entidades. Por esa responsabilidade xurídica que recae nas Anpas este curso non se van ofertar actividades extraescolares en moitos centros galegos.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados