E-distrito

Noticias

Feijóo releva ao Conselleiro de Educación a catro días da volta ás aulas e nomea un vicepresidente económico

Feijóo releva ao Conselleiro de Educación a catro días da volta ás aulas e nomea un vicepresidente económico

  O Conselleiro de Sanidade, máximo órgano de loita contra a pandemia do Covid-19, tamén é substituido.

  07 setembro 2020

  En plena pandemia e a catro día da volta ás aulas, este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de substituír aos ata agora titulares das consellerías de Sanidade e Educación, Jesús Vázquez Almuiña e Carmen Pomar, no novo Goberno co que comezará o seu cuarto mandato. O novo titular de Sanidade será o ata agora xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, mentres que Educación volve unirse con Cultura en mans do ata agora conselleiro desa materia Román Rodríguez.

  Ademais, Feijóo volve ascender ao titular de Economía, Francisco Conde, home de confianza que xa fora asesor persoal seu, a vicepresidente segundo, pero divide o departamento e crea un novo de Emprego e Igualdade para o que nomea a María Jesús Lorenzana, ata agora secretaria xeral de Medio Rural e antes de Medio Ambiente e Traballo. A Vicepresidencia Primeira seguirá estando en mans de Alfonso Rueda, que agora suma ás súas competencias a de Turismo, ata agora unida a Cultura. O resto de consellerías manteñen os mesmos titulares e denominacións.

  Esta é a nova composición do goberno:

  • Alfonso Rueda Valenzuela: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
  • Francisco Conde López: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
  • Valeriano Martínez García: Consellería de Facenda e Administración Pública
  • Ángeles Vázquez Mejuto: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
  • Ethel Vázquez Mourelle: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade
  • Román Rodríguez González: Consellería de Cultura, Educación e Universidade
  • María Jesús Lorenzana Somoza: Consellería de Emprego e Igualdade
  • Julio García Comesana: Consellería de Sanidade
  • Fabiola García Martínez: Consellería de Política Social
  • José González Vázquez: Consellería do Medio Rural
  • Rosa Quintana Carballo: Consellería do Mar

  Ata o actual nomeamento de Conde, a Xunta non tiña dúas vicepresidencias dende o período entre setembro de 2004 e as eleccións de 2005, o derradeiro ano de Fraga como presidente, cando puxo neses postos a Feijóo e José Manuel Barreiro. Por outra banda, a entrada dun home e unha muller e a saída doutros tantos permite manter a mesma relación do anterior executivo de seis homes e cinco mulleres, pero con estas perdendo peso pola creación dunha nova vicepresidencia tamén en mans dun home.

  O nomeamento do novo executivo co que comezará o cuarto mandato prodúcese xusto dous anos despois do último cambio de Goberno, cando en setembro de 2018 Feijóo decidiu debilitar a Xunta, segundo el mesmo recoñeceu, para intentar, sen éxito, que o PP recuperase cidades que controlaba a esquerda presentando a conselleiros como candidatos nas seguintes municipais.

  Os cambios no “goberno estable”, como cualifica Feijóo desde hai anos ao seu propio executivo á fronte da Xunta, veñen sendo habituais ao longo da última década, e non só tras cada unha das investiduras do presidente. A composición da Xunta neste tempo foi cambiando tamén en función das necesidades do PP tanto en Galicia como en Madrid, dando saída ou entrada a membros do PP que intentaron facerse con outras administracións ou que viñan de quedar sen cargos tras perder outras eleccións.

  Ata o novo Goberno anunciado este domingo, Feijóo contou ao longo da última década con 22 conselleiros e conselleiras (agora 24). Dos 11 actuais, só dous estaban no primeiro Goberno nomeado por Feijóo en 2009: o agora vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que neste tempo foi cambiando de competencias. Dos 13 que deixaron de selo ata agora, cinco foron designados por Feijóo candidatos ou candidatas a alcaldías, a maioría sen éxito e despois recolocados noutros cargos (Agustín Hernández, Elena Muñoz, José Manuel Rey Varela, Beatriz Mato e Jesús Vázquez), tres foron ocupar postos na Administración do Estado tras chegar Rajoy á presidencia a finais de 2011 (Marta Fernández Currás, Samuel Juárez e Roberto Varela), dúas foron recolocadas co tempo en postos inferiores da Xunta (Rocío Mosquera e Pilar Farjas, agora no comité que asesora sobre o coronavirus) e o último, Javier Guerra, foi recolocado en varios postos ata ocupar actualmente un escano no Senado. Está por ver cal será o futuro de Almuiña e Pomar.

  Nas próximas semanas nomearanse o resto de altos cargos, postos nos que só 11 dos 55 cos que Feijóo rematou o último mandato continuaban desde 2009

  Os novos conselleiros e conselleiras tomarán posesión este luns, e ao longo das próximas semanas deberán nomearse o resto de altos cargos de niveis inferiores, secretarías xerais ou direccións xerais nas que a estabilidade tampouco está garantida. 

  Sen ter en conta as baixas producidas nunha ducia deses postos hai uns meses, en plena primeira vaga do coronavirus, para que os seus titulares puidesen concorrer ás eleccións nas listas do PP -só os postos de conselleiro ou conselleira son compatibles con ir nunha candidatura-, dos 55 altos cargos cos que Feijóo rematou o seu terceiro mandatos só 11 comezaron en 2009: o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Porén, en varios casos as súas competencias ou rango variaron nestes once anos.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados