E-distrito

Noticias

A xustiza declara que o pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco devolvelo

A xustiza declara que o pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco devolvelo

  A xuíza conclúe que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma.

  A familia Franco xa anunciou que recurrirá.

  03 setembro 2020

  O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estima integramente a demanda interposta polo Estado e declárao propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade. 

  A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma”.

  A Xunta, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación defenderon a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada

  A xuíza aclara que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha Xunta Pro Pazo “do Caudillo” para comprar e regalar o Pazo de Meirás “ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional”. “O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado. As alegacións dos demandados en relación á intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a título persoal, non se comparten”, di a sentenza, onde se conclúe que a literalidade dos documentos sobre a compra do pazo e posterior doazón “non arroxa dúbidas”, pois todos se refiren “ao caudillo”.

  No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

  A xuíza conclúe que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade.

  En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción” levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”. “Ningunha operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que defenden os demandados. O Pazo de Meirás entregouse á Xunta Pro Pazo do Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Xunta o 5 de agosto de 1938 e o Xunta Pro Pazo fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista [Manuela Esteban Collantes e Sandoval] xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra”, sublíñase na resolución.

  A sentenza rexeita indemnizar aos Franco porque mentres foi residencia estival do ditador o Estado asumiu todos os gastos

  No que respecta á liquidación do estado posesorio (restitución dos gastos nos que podería ter incorrido a familia mentres foi titular do inmoble), a maxistrada entende que non cabe, ao ser a propiedade incorporada ao patrimonio da familia Franco “de mala fe”. Esa mala fe materialízase “cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún”. Lembra ademais a xuíza que o Estado asumiu todo os gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como residencia oficial do xefe do Estado, polo que afirma que “o Pazo de Meirás xestionábase de forma idéntica ao Palacio de El Pardo”.

  Ao entender que a propiedade do pazo corresponde ao Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co inmoble, así como a doazón dos predios que se recolle nunha escritura de novembro de 1982. A sentenza non é firme, xa que contra a mesma cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

  Sobre o momento no que se presenta a demanda, que os letrados da familia Franco consideraron atraso desleal, entende a maxistrada que “a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático” e destaca que o Estado “nunca renunciou aos seus dereitos”.

  Na sentenza conclúese que “a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de dono ao seu favor, coas consecuencias de que a totalidade do predio debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse”, o que a xuíza acorda.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados