O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este mércores a recomendación de empregar máscaras de protección "en todo momento" tanto nas aulas como no resto dos espazos dos recintos educativos. Unha medida que non estaba contemplada ata agora no protocolo da Xunta enviado aos centros e que afectaría a todo o profesorado e ao alumnado maior de 6 anos con independencia da distancia de separación. "Entendemos que é unha recomendación que procede implementar como obriga", sinalou Feijóo.
Na súa comparecencia despois da reunión semanal do comité clínico formado polo Goberno galego por mor da pandemia da Covid-19, o presidente galego apuntou que levará esta cuestión á conferencia de presidentes, cuxa data aínda está pendente de comunicar por parte do Goberno do Estado. Polo que "antes" a Xunta trasladará esta proposta aos ministerios de Sanidade e Educación.
Para Feijóo esta é unha "decisión que debemos adoptar entre todos", pois enmarcouna na súa petición dun "protocolo único" para a volta ás aulas "en todo o territorio nacional". En concreto, afirmou que "o comité clínico aconsella e o Goberno da Xunta fai súa esa recomendación" ao considerar que "xa non é suficiente a distancia".