E-distrito

Noticias

As cifras da Covid na Coruña son xa iguais ás do 25 de marzo, en plena pandemia

As cifras da Covid na Coruña son xa iguais ás do 25 de marzo, en plena pandemia

  Galicia suma tres mortes por coronavirus en pouco máis dunha semana.

  A Xunta prohibirá fumar ao camiñar pola rúa ou en terrazas se non hai distancia de seguridade 

  13 agosto 2020

  Conforme avanzan as semanas, vai quedando claro que a situación epidemiolóxica de Galicia, lonxe de estabilizarse, segue empeorando. Logo dunhas semanas nas que a alarma estivo centrada no foco de Mariña, agora é a área sanitaria de A Coruña e Cee a que máis preocupa. Segundo destaca a Consellería de Sanidade, ata este mércores Galicia conta con 827 casos activos, dos cales máis da metade -463- foron rexistrados na área da Coruña e Cee.

  Uns casos que sitúan a Coruña en datos semellantes aos do 25 de marzo, cando Galicia estaba en plena pandemia e confinada.

  A evolución da pandemia dende os primeiros rexistros do mes de marzo sofre dous puntos de inflexión cruciais. O primeiro é o cambio do método de conteo, que fai diminuír substantivamente o número de casos a partir de abril. Por outro lado, o desconfinamento brindado pola fin do estado de alarma deu pé, coa chegada do verán, a unhas semanas de calma que, cando menos na área da Coruña, parecen ter chegado á súa fin.

  Tres mortes en pouco máis dunha semana

  A morte dun home de 90 anos de idade con COVID-19 na área sanitaria de Ourense eleva a 623 os falecidos en Galicia con este coronavirus e supón o cuarto na última semana.

  Segundo informou a área Sanitaria de Ourense, o nonaxenario ingresou o pasado xoves 30 de xullo no Hospital Universitario de Ourense con diagnóstico COVID-19 pero con varias patoloxías previas asociadas.

  Este home falecido era, ademais, o marido da muller de 91 anos de idade tamén falecida con COVID o pasado 8 de agosto no marco do brote detectado cunha decena de casos na localidade ourensá de Vilar de Barrio.

  As mesmas fontes puntualizaron que quedan oito casos activos do brote de Vilar de Barrio, que corresponden a pacientes en situación de illamento nos seus domicilios controlados e monitorados "en todo momento" pola Consellería de Sanidade "e con seguimento dos profesionais sanitarios do centro de saúde".

  A área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras transmitiu as súas condolencias aos familiares deste home falecido.

  A Xunta prohibirá fumar ao camiñar pola rúa ou en terrazas se non hai distancia de seguridade.

  O comité clínico de expertos en materia de prevención da COVID-19 abordou na súa reunión deste mércores a posibilidade de prohibir fumar mentres se camiña pola rúa ou se está en espazos públicos permitidos --como terrazas-- se non se garante a distancia de seguridade. Así o explicou, durante unha rolda de prensa posterior ao encontro, o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, que detallou que os expertos consideran o fume do tabaco "un factor de difusión" do virus.

  "Os membros do comité coinciden en que fumar sen limitación nunha terraza con persoas próximas ou en zonas sen distancia é un risco alto de infección", dixo Núñez Feijóo, que aposta por "prohibir fumar nas rúas ou en lugares públicos nos que a distancia non é posible", así como "cando se estea en tránsito ou en movemento".

  Por iso, na orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia na tarde deste mércores, avanzou o presidente, incluirase unha medida deste tipo, que se concretará tras as consultas pertinentes e que afectará a toda Galicia a partir da medianoite. "O lóxico é non poder fumar", finalizou Núñez Feijóo.

  Do mesmo xeito, na orde do DOG tamén se precisará se, finalmente, se amplía a máis concellos a orde de peche do lecer nocturno, que, actualmente, afecta a nove municipios da comarca da Coruña: A Coruña cidade, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Sada, Carral, Abegondo e Bergondo.

  Derivado de GConfidencial

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados