Menos de cinco meses despois de que a Casa Real decidise aproveitar o primeiro día do estado de alarma polo estourido da pandemia do coronavirus para anunciar medidas que pretendían afastar o actual rei de España do presunto cobro de 100 millóns de euros de Arabia Saudita por parte do seu pai, o rei emérito Juan Carlos de Borbón, a xefatura do Estado move a seguinte peza. No primeiro luns de agosto, a Casa do Rei confirma que, en pleno aluvión de escándalos financeiros, Juan Carlos I marcha de España.
O rei emérito atribúe a decisión á "repercusión pública que están xerando certos acontecementos pasados da miña vida privada", que non aclara nin nega
Nun comunicado remitido aos medios e difundido a través do seu sitio web, a Casa Real reproduce o que, di, é unha carta de Juan Carlos de Borbón ao seu fillo, o rei Felipe VI. Na misiva, o ex-xefe do Estado atribúe a súa marcha á "repercusión pública que están xerando certos acontecementos pasados da miña vida privada", os cales non especifica nin nega, e á súa vontade de "contribuír a facilitar o exercicio das túas funcións" con "tranquilidade" e "sosego".
"O meu legado, a miña propia dignidade como persoa", di a Casa Real que reza a carta de Juan Carlos de Borbón, "esixen" a "meditada decisión de trasladarme, nestes momentos, fóra de España". O ex-monarca presenta este movemento como continuación doutro, o seu "desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais" dende hai un ano.
Segundo a casa Real, o actual xefe do Estado "transmitiu á súa maxestade don Juan Carlos o seu máis sentido respecto e agradecemento ante a súa decisión"