"Logramos un acordo para o fondo de recuperación e para o Orzamento europeo". "Foi unha maratón que rematou con éxito para os vinte e sete Estados membros, pero sobre todo para a cidadanía". "É un bo acordo. É un acordo forte. E, o máis importante, é o acordo correcto para Europa neste momento". O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, expresábase deste xeito ao termo do historicamente longo cumio que finaliza cun pacto que mandatarios de diverso signo, tamén o español Pedro Sánchez, coinciden en adxectivar como "histórico" aínda que traia consigo peaxes en forma de recortes no orzamento da UE.
Tras cinco días de tirapuxa en Bruxelas, especialmente cos Estados que se autodenominan como frugais -Países Baixos, Austria, Dinamarca, Suecia e Finlandia, contrarios aos piares do plan- a Unión dá luz verde por unanimidade -non é posible que sexa doutro xeito- ao proxecto NextGenerationEU, 750.000 millóns de euros dos que 390.000 serán transferencias, isto é, axudas directas aos Estados. Outros 360.000 serán préstamos. Trátase dun acordo "inédito", afirmou un satisfeito Pedro Sánchez, quen especifica que o Estado español obterá 140.000 millóns, máis da metade (72.700) en axudas e o restante, en préstamos.
Como informa Andrés Gil para eldiario.es, unha das claves do pacto é o xeito en que van ser obtidos os fondos. Por primeira vez, a Comisión Europea vai emitir tal volume de débeda apoiada no Orzamento comunitario para transferir cartos aos Estados membros. E tamén por primeira vez, a UE vai ter fondos propios mediante novos impostos e taxas -sobre emisións contaminantes ou plásticos dun só uso, por exemplo- para financiar ese endebeda, un "repagamento" ata 2058, sintetiza o Consello Europeo.
No que atinxe ás condicións, este plan afástase dos rescates da anterior crise económica e tamén das esixencias dos Estados inicialmente opostos ao acordo. Os gobernos terán que destinar os cartos a fins "coherentes coas recomendacións específicas" do Consello e partindo da base de que deben contribuír ás "transformacións verde e dixital", explica. No caso español, esas recomendacións pasan por "fomentar o investimento" na "transición ecolóxica e dixital", "reforzar" a sanidade pública, "preservar os postos de traballo", "reforzar a protección por desemprego", "mellorar a cobertura e adecuación dos réximes de renda mínima" (como o ingreso mínimo vital) ou "mellorar a coordinación entre os distintos niveis de goberno" para aplicar o plan.