A medida, publicada nunha edición extraordinaria do DOG este domingo, entrou en vigor na medianoite deste domingo e aplicarase, cando menos, durante cinco días. Neste tempo, non se poderá entrar nin saír da comarca, agás por cuestións laborais e outras causas xustificadas. O conselleiro reiterou que as persoas que non sexan da Mariña deberá abandonar a comarca antes da medianoite, ou non poderán facelo durante os cinco días seguintes, ata a medianoite do venres.
O peche será "perimetral", o que significa que no interior da comarca permitirase calquera tipo de mobilidade, sen limitacións. Con todo, a Consellería de Sanidade recomenda a toda a poboación que, dentro do posible, se manteña nos seus concellos, evitando desprazamentos innecesarios. Tamén se recomenda "extremar as precaucións", evitar aglomeracións, e manter o uso de máscara de protección, tanto en espazos abertos como pechados.
Os locais de hostalaría deberán limitar ao 50% a súa capacidade. Quedarán prohibidas, igualmente, as reunións sociais de máis de 10 persoas
Ademais, a capacidade de comercios e outros espazos volverá ás limitacións existentes durante o estado de alarma, reducíndose ao 50% a capacidade máxima dos establecementos de hostelaría (na actualidade é do 75%). Prohíbese de novo o consumo en barra e, así mesmo, estes locais deberán pechar como moi tarde ás 12 da noite. Pubs e discotecas permanecerán pechados, como xa se decidira hai uns días. E tamén se fixan restricións de capacidade en auditorios, teatros e outros espazos pechados. Establécense uns límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou que a medida foi adoptada despois de avaliar "a situación e progresión dos datos do foco da covid que está a producirse na Mariña", o que fixo "conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación da Mariña e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona". Vázquez Almuíña sinalou que o brote se localiza ao redor de varios bares da comarca e afirmou que "con todas as cautelas que temos que ter" neste momento "parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña".
"Con todas as cautelas que temos que ter" neste momento "parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña", afirmou o Conselleiro de Sanidade