E-distrito

Noticias

A extradición a México do ex-xefe de Pemex irrompe na campaña e toda a esquerda pide explicacións a Feijóo.

A extradición a México do ex-xefe de Pemex irrompe na campaña e toda a esquerda pide explicacións a Feijóo.

  O dirixente que apadriñou os polémicos negocios da empresa coa Xunta di estar disposto a dar a coñecer todo o que sucedeu, según confirmou o presidente mexicano. 

  A oposición urxe a Feijóo a dar explicacións sobre as relacións e contratos co empresario detido e acusado de corrupción.

  03 xullo 2020

  A extradición a México do ex-director xeral de Pemex encarcerado en Madrid, Emilio Lozoya, e o anuncio de que pretende colaborar coa Xustiza para desvelar as prácticas presuntamente corruptas levadas a cabo na petroleira estatal axita a campaña galega. O dirixente que apadriñou os polémicos negocios da empresa mexicana coa Xunta e rubricou a compra en 2013 de Barreras --pola que tamén está a ser investigado-- chegará ao país latinoamericano disposto a "dar a coñecer todo o que sucedeu" durante a súa etapa á fronte da compañía de hidrocarburos, segundo confirmou este mércores o presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador. 

  O presidente mexicano, López Obrador, advirte de que Lozoya está disposto a "dar a coñecer todo o que sucedeu" durante a súa etapa á fronte de Pemex

  Colaborará coa Fiscalía mexicana, quen o acusa de branqueo de capitais e suborno nos casos da construtora Odebrecht e da planta de fertilizantes Agro Nitrogenados, e quen investiga tamén os negocios que Pemex levou a cabo en Galicia, especialmente a compra do 51% do estaleiro vigués, polos que sinala a Lozoya, pero tamén a Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos co Goberno de Núñez Feijóo. 

  Agora, en plena campaña, toda a oposición lémbralle ao presidente galego a súa relación con Lozoya e o final xudicial e con escuras sombras duns negocios que en Galicia deixaron unha intensa campaña informativa, dous floteis, un estaleiro quebrado e varios dos seus protagonistas encarcerados ou investigados en México. 

  Xa o pasado luns, no debate electoral e horas antes de que se coñecese a extradición voluntaria de Lozoya, a candidata do BNG, Ana Pontón, amosou unha fotografía de Feijóo xunto a Carrera Panizzo, dirixente de PMI, filial de Pemex, para preguntarlle se esa era "a certeza" que o presidente da Xunta ofrecía a Galicia. Lembroulle así que aquel acordo coa petroleira "acabou con acusacións de corrupción" e acusouno de "vender fume" ao prometer proxectos e construción de barcos que nunca chegaron. 

  Ana Pontón (BNG) pregunta a Feijóo se a "certeza" que ofrece a Galicia son como o acordo con Pemex, "que acabou en acusacións de corrupción": "Vende fume"

  Horas despois, durante un debate no Senado, a ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, respondeu a unha pregunta do deputado lucense do PP José Manuel Barreiro: "A súa política industrial, a do PP e a de Feijóo, denomínanse cunha única palabra: Pemex". A tamén deputada de Galicia en Común lembrou aquela "paralización dos medios públicos en directo" para anunciar, "faltando á verdade, que se ían construír vinte barcos" en Galicia.

  "Acórdase como rematou? Cunha grande estafa, cun negocio fallido e con directivos de Pemex encarcerados. Eses son os negocios de Núñez Feijóo e o PP en Galicia", engadiu Díaz, que se uniu ás denuncias da oposición galega, que coincidiu en sinalar os acordos coa petroleira estatal como o símbolo dunha política industrial fracasada da Xunta. 

  A ministra Yolanda Díaz lembra que o acordo con Pemex foi "unha grande estafa, un negocio fallido con directivos encarcerados": "Eses son os negocios de Feijóo"

  O propio candidato de Galicia en Común o 12X, Antón Gómez Reino, pediu o voto porque iso supón tamén "un voto menos para a maioría que busca Feijóo para perpetuar a súas corruptelas e estafas industriais ao estilo Pemex”. Para o líder da coalición, o caso da petroleira deu "un novo xiro" ao ser "extraditado e xulgado aquel directivo con que Núñez Feijóo facía fotos, estreitaba a man e interrompía a emisión en directo daTVG para anunciar, nun novo exercicio de propaganda, que ía conseguir numerosos contratos para Galicia en ducias de barcos que nunca foron".

  "Pode o señor Feijóo asegurar que non vai estar imputado en poucas semanas ou en poucos meses polo caso Pemex?”, dixo Gómez Reino, que acusou a Xunta de "non facer nada" en materia industrial. "Cando fixeron algo, a cousa acabou nos xulgados, con xente investigada ou en prisión como é o caso de Pemex”, rematou. 

  Desde o PSdeG, pola súa banda, o seu candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, lembrou que "en once anos de Goberno do PP en Galicia non houbo política industrial ningunha" e que a única que houbo consistiu en "cortar a emisión da TVG para anunciar un acordo con Pemex que traería vinte buques para a construción naval". "O dirixente de Pemex con quen Feijóo fixo a foto está no cárcere por subornos", dixo nunha entrevista na Cadena SER, onde advertiu tamén de que o estaleiro comprado pola petroleira acabou en quebra e cunha crise "que tivo que solucionar o Goberno central".

  Tamén desde o PSdeG, o seu vicesecretario xeral e cabeza de lista pola Coruña, Pablo Arangüena, urxiu a Feijóo a “explicar as relacións políticas do seu partido co ex-directivo de Pemex detido en Marbella en febreiro acusado de corrupción". O dirixente socialista asegura que o presidente da Xunta “leva dende febreiro nunha fuxida imparable cara adiante” para “evitar dar contas da que se revelou como unha operación de márketing apadriñada por quen hoxe está detido por corrupción”. 

  Caballero di que o PP "non tivo política industrial ningunha" agás a de Pemex, que acabou "cunha crise nun estaleiro que tivo que solucionar o Goberno central"

  Ademais, Arangüena  lembrou que non se sabe "nada daqueles 20 buques anunciados para aliñar a campaña electoral de 2012". "Pero o que si que puidemos ver foron as fotos de Feijóo xunto a un directivo agora detido acusado de suborno e branqueo de capitais”, engadiu quen recordou que daquela frota que ía salvar o naval en Galicia "só chegaron dous barcos, un deles en Barreras, un estaleiro vendido por Feijóo e que tivo que ser rescatado polo Goberno de España”.

  O PSdeG urxe a Feijóo a “explicar as relacións políticas do seu partido co ex-directivo de Pemex detido en Marbella acusado de corrupción"

  Mentres, en México detállanse as condicións que as autoridades ofreceron a Lozoya para que aceptase a extradición. O ex-director de Pemex acolleuse ao criterio de oportunidade, figura do Código Penal daquel país, que ofrece aos imputados a posibilidade de cooperar coa Xustiza para dar información sobre os seus superiores xerárquicos en feitos de corrupción. 

  O encargado da Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), un dos moitos organismos que investiga a Lozoya e os negocios en Galicia de Pemex, advertiu de que os dous superiores por riba do ex-director da petroleira son Luis Videgaraya, ex-secretario de Facenda, e o ex-presidente Peña Nieto, impulsor dos acordos coa Xunta, nacidos da relación que o ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy mantivo co dirixente mexicano. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados